Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 febrero, 2026
O tenente alcalde de Melide e responsable da área de Comercio, Xosé Igrexas, participou nos estudos de Radio Líder Santiago nunha entrevista na que fixo balance das políticas de promoción económica do Concello e puxo en valor o papel fundamental do tecido comercial na dinamización da vila.
Igrexas anunciou a celebración dunha nova edición de MercaMelide de inverno, que terá lugar os días 21 e 22 no Pazo de Congresos, cun incremento significativo de participación respecto ao ano anterior. Ademais, explicou a transformación da web mercamelide.gal nun espazo dinámico de promoción e comunicación co comercio local, ao tempo que defendeu o traballo conxunto dentro da Mancomunidade do Camiño Francés como eixo vertebrador da economía comarcal.
Un MercaMelide que medra e consolida participación
A feira de saldos MercaMelide chega cun importante salto cuantitativo. Segundo detallou Igrexas, “conseguimos dobrar o número de participantes con respecto ao ano pasado; pasamos de quince a vinte e seis establecementos”, unha cifra que podería achegarse á trintena de non ser por baixas puntuais de última hora.
O edil subliñou que esta iniciativa está organizada pola Asociación de Comerciantes da comarca de Melide, coa colaboración activa do Concello: “o obxectivo fundamental é apoiar o comercio local dentro das posibilidades que temos os concellos, que son limitadas, sobre todo por cuestións económicas”.
Igrexas lembrou que só no pasado exercicio o Concello impulsou máis de 36 accións de promoción comercial, tanto a nivel local como autonómico, evidenciando un compromiso continuado co sector.
Coordinación institucional e limitacións orzamentarias
Durante a entrevista, Igrexas foi claro ao explicar as dificultades estruturais da administración local: “os recursos son limitados; boa parte do orzamento vai para servizos sociais, servizos básicos, cultura e deporte, e temos que facer encaixes de bolillos”.
Con todo, destacou a importancia da colaboración coa Asociación de Comerciantes: “coordinarnos e non solaparnos nas campañas é fundamental; sumamos recursos e multiplicamos resultados”.
O responsable de Comercio reivindicou tamén o carácter estratéxico do sector: “hai moitas familias e pequenas empresas que levantan a persiana cada día con moito esforzo; hai que arroupar o comercio si ou si”.
mercamelide.gal: dunha ferramenta puntual a plataforma permanente
Igrexas explicou a evolución da web mercamelide.gal, creada inicialmente durante a pandemia para xestionar as tarxetas bono, nas que o Concello investiu máis de 50.000 euros.
“Transformámola nun escaparate permanente das accións comerciais e nun punto de encontro para propostas e mesmo queixas da veciñanza”, indicou. O obxectivo agora é ampliar contidos, incorporar datos detallados dos establecementos, redes sociais e vías de contacto, e manter unha actualización constante.
A isto súmase a campaña “Melide Destino”, orientada a promocionar a apertura comercial en fin de semana, unha das singularidades do municipio: “somos un dos poucos concellos de Galicia onde o comercio abre os domingos; queremos que a xente saiba que pode vir mercar e gozar da gastronomía e do patrimonio nun mesmo plan”.
O Camiño Francés como eixo económico común
Como vicepresidente da Mancomunidade do Camiño Francés, Igrexas puxo en valor o traballo conxunto dos once concellos polos que discorre esta ruta xacobea.
“O Camiño Francés vértebranos; é fundamental economicamente e para asentar poboación”, afirmou, incidindo en que canto máis negocio e servizos se xeren arredor do Camiño, maior será a estabilidade demográfica e económica.
Tamén avanzou accións de promoción internacional, como os contactos con municipios de Gran Canaria ou intercambios con Italia, sempre co obxectivo de “dar a coñecer Melide e todo o seu potencial, non só o Camiño, senón tamén o comercio e a gastronomía”.
Infraestruturas e tráfico: á espera da autovía
Outro dos asuntos abordados foi a situación da N-547, unha vía con alta intensidade de tráfico que afecta directamente á vida diaria da vila.
“Triplicamos poboación no verán segundo os datos de consumo; a intensidade de tráfico complícase moito, especialmente con camións”, sinalou, amosando a súa esperanza en que a apertura do novo tramo da autovía alivie a situación entre primavera e verán.
Igrexas pechou a entrevista cunha reflexión sincera sobre o labor político: “o día a día é un traballo de moitas horas; a administración é unha máquina burocrática enorme e ás veces os problemas dos veciños tardan en resolverse máis do que nos gustaría”.
A pesar das dificultades, reivindicou o esforzo constante por dinamizar Melide e consolidala como referente comercial e turístico do interior galego.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)