Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today10 septiembre, 2025
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “o que queremos é, primeiro, recoñecer o traballo e sacrificio que facedes os deportistas, porque sabemos que é un sacrificio importante pola vosa parte pero tamén o sacrificio que facedes as familias a todos os niveis, cos desprazamentos ou compra de material deportivo. Non se trata dunha gran axuda económica, pero queremos que vos axude a financiar os gastos que tedes en viaxes, material deportivo, etc”
A concelleira de Deporte, Susana Señorís, subliñou que “todos sabemos que no momento en que se empeza a practicar un deporte, as esixencias cada vez van sendo máis grandes, tanto a nivel de horas de adestramento como de material e con estas bolsas, pretendemos axudar e, sobre todo, seguir apoiándovos e para que sigades adiante desfrutando do que facedes”
Ames, 10 de setembro de 2025.- O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolleu este pasado martes, 9 de setembro, o acto de entrega dos diplomas que acreditan a concesión dunha axuda municipal a 21 deportistas amesáns. Esta convocatoria de bolsas ten por obxecto apoiar a práctica e ao rendemento deportivo, así como posibilitar a participación dos/as deportistas do concello en eventos deportivos, facilitándolles o acceso a unha preparación integral idónea. Cada deportistas pode optar a unha axuda máxima de 700 euros. A concesión de ditas axudas municipais, por valor de 10.000 euros, foron aprobadas na Xunta de Goberno Local do pasado 19 de xuño.
O alcalde de Ames, Blas García, e a concelleira de Deportes, Susana Señorís foron os encargados de facer entrega dos diplomas a 17 dos 21 deportistas, que debido aos éxitos deportivos obtidos durante o ano 2024, tiveron a puntuación necesaria para dispor dunha axuda municipal dentro da convocatoria de bolsas para deportistas de Ames correspondente ao exercicio 2025.
O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “o que queremos é, primeiro, recoñecer o traballo e sacrificio que facedes os deportistas, porque sabemos que é un sacrificio importante pola vosa parte pero tamén o sacrificio que facedes as familias a todos os niveis, cos desprazamentos ou compra de material deportivo. Non se trata dunha gran axuda económica, pero queremos que vos axude a financiar os gastos que tedes en viaxes, material deportivo, etc. Esta liña de axudas de bolsas púxose en marcha por primeira vez en 2024. Este ano dáselle continuidade a esta convocatoria de subvencións co obxectivo de promocionar o deporte local de Ames e axudar aos deportistas amesáns na consecución dos seus logros deportivos”.
A concelleira de Deporte, Susana Señorís, subliñou que “todos sabemos que no momento en que se empeza a practicar un deporte, as esixencias cada vez van sendo máis grandes, tanto a nivel de horas de adestramento como de material e con estas bolsas, pretendemos axudar e, sobre todo, seguir apoiándovos e para que sigades adiante desfrutando do que facedes. O que se pretende é axudar á práctica e ao rendemento deportivo, tanto en relación ao perfeccionamento técnico e á obtención de maior rendemento nas respectivas modalidades deportivas que practicades, como facilitando a vosa participación en competicións deportivas de alto nivel”.
Das 21 bolsa concedidas catro foron para deportistas que practican squash, tres para deportistas de ximnasia rítmica, outras tres para rapaces e rapazas que practican patinaxe, dúas para deportistas de karate, dúas para rapaces de piragüismo, e outras dúas para deportistas que fan karate. As cinco bolsas restantes foron para deportistas que practican xadrez, billar, taekwondo, esgrima e golf.
Concesión de 21 bolsas por valor de 10.000 euros
Os deportistas que obtiveron dita bolsa e acudiron a este acto de entrega foron: Brais Carreira Blanco (subcampión de squash na categoría sub 17 no campionato galego de 2024); Cosme González Delgado (terceiro clasificado no campionato galego base de conxuntos, na categoría xuvenil de ximnasia rítmica en 2024); Daniel García Lema (terceiro clasificado no campionato galego de piragüismo, na categoría K1 alevín B, en 2024); Diego Cacheiro Blanco (campión de España sub 18 de xadrez rápido en 2024); e Enzo Mato Del Río (terceiro clasificado no campionato galego de piragüismo, tanto de pista coma de fondo, na categoría K2 infantil B, en 2024).
Tamén recibiron o diploma acreditativo da axuda municipal Gael Prieto Mariño (noveno clasificado no campionato de España de squash, na categoría sub 15, en 2024); Iávor Ricárdov Moreno (subcampión de España júnior sub 19 de billar, na modalidade de bola 10, en 2024); Iván Gutierrez Mosquera (terceiro clasificado no campionato nacional base individual masculino de ximnasia rítmica en 2024); Jorge Sanmartín Villanueva (terceiro clasificado no campionato galego de patinaxe en 2024); Mara Prieto Mariño (terceira clasificada no campionato de España de squash na categoría sub 13 en 2024); e María Estévez Vázquez (subcampioa no campionato Xunta de Galicia sub 18 de atletismo en pista curta, na proba de 800 metros, en 2024).
Ademais, acudiron a dito acto Martín Lois Fernández (terceiro clasificado no campionato galego absoluto taekwondo de 2024), Mauro Vilas Macías (campión galego de squash na categoría sub 13 en 2024), Natalia Díez Mariño (primeira clasificada no campionato galego de esgrima, na categoría espada feminina M17, en 2024); Noa de la Vega Ruíz (subcampioa de Galicia de golf, na categoría alevín, en 2024), Olivia Parga García (terceira clasificada no campionato de España infantil de karate, na modalidade kumite xuvenil feminino -37 kg, en 2024) e Xoán David Parga García (subcampión galego de karate, na modalidade de kumite júnior masculino -61 kg, en 2024).
Houbo catro deportistas que obtiveron unha axuda municipal pero non puideron acudir a dito acto: Amelia Picallos Requeijo (ximnasia rítmica), Fernando Ferrer Cuadrado (squash), Inés Peña Rodríguez (patinaxe) e Nicolas Collazo Santamaría (atletismo).
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)