AD

Actualidad

A balneoterapia axuda a aliviar síntomas da psoríase, a artrose e a fibromialxia

today6 mayo, 2026

Fondo
AD
  • Expertos da USC e do CHUS destacan os beneficios da balneoterapia para tratar a dor crónica, enfermidades reumáticas e patoloxías da pel

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2026.- A balneoterapia consolídase como unha ferramenta terapéutica complementaria eficaz para mellorar a calidade de vida de pacientes con doenzas reumáticas, enfermidades dermatolóxicas e procesos de dor crónica. Así o puxeron de manifesto os expertos participantes nunha nova sesión do ciclo “A saúde é o que importa”, promovido pola Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia e financiado por Turismo de Galicia.

A xornada, celebrada no Hotel Araguaney de Santiago, reuniu especialistas en dermatoloxía, reumatoloxía e medicina termal para divulgar entre a sociedade os beneficios das augas mineromedicinais e das técnicas termais aplicadas á saúde.

O doutor Santos Ínsua, médico do Servizo de Reumatoloxía do CHUS, destacou especialmente os efectos positivos da cura termal en pacientes con artroses e lumbalxias. Segundo explicou, este tipo de terapias “logra diminuír a dor, a inflamación e a rixidez articular, producíndose unha importante melloría nos casos de mobilidade reducida”. Ademais, subliñou que a balneoterapia contribúe a reducir a dependencia de fármacos analxésicos e antiinflamatorios.

Ínsua incidiu en que, aínda que non se trata dunha terapia curativa, “sí é unha boa terapia complementaria ao tratamento farmacolóxico”, xa que mellora a funcionalidade e a calidade de vida dos pacientes. O especialista apuntou tamén que os tratamentos musculoesqueléticos adoitan prolongarse entre unha e dúas semanas e que os seus efectos poden manterse durante varios meses, recomendándose repetir a cura unha ou dúas veces ao ano.

No ámbito dermatolóxico, a doutora Ángeles Flórez, profesora titular da Universidade de Santiago e xefa do Servizo de Dermatoloxía do CHUS, puxo o foco nas posibilidades terapéuticas da balneoterapia para enfermidades inflamatorias e autoinmunes da pel, como a psoríase e a dermatite atópica.

Flórez lembrou que a utilización das augas termais con fins medicinais remóntase a máis de 2.000 anos e explicou que, malia os avances farmacolóxicos actuais, a balneoterapia continúa a desempeñar “un papel importante como tratamento complementario”. Segundo sinalou, as evidencias científicas demostran que estas terapias alivian síntomas como o prurito e a dor, reducen as lesións cutáneas e contribúen a diminuír o risco de infeccións, ademais de favorecer a recuperación da microbiota da pel.

Pola súa banda, o doutor Elías Festa centrou a súa intervención nas técnicas termais aplicadas ao tratamento da dor crónica, especialmente en procesos como a lumbalxia, a cervicalxia e a fibromialxia.

Festa advertiu da elevada repercusión social destas patoloxías, tanto pola súa incidencia nas baixas laborais como pola carga que supoñen para o sistema sanitario. Neste contexto, destacou que os tratamentos termais non só contribúen a reducir o consumo de analxésicos e os períodos de incapacidade temporal, senón que tamén melloran o ton muscular, reducen a inflamación e teñen un importante impacto positivo no estado anímico dos pacientes.

“A dor crónica provoca frecuentemente un status depresivo e condiciona a expectativa vital das persoas afectadas”, explicou o especialista, quen incidiu na importancia de actuar tanto sobre o benestar físico como emocional dos doentes.

A sesión concluíu cun coloquio aberto ao público moderado polo director da Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia, o doutor Juan Gestal.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *