AD

Comarca

Inaugúrase a senda peonil e ciclista que une Ames e Santiago

today14 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

Este é o último treito do eixo de mobilidade de Santiago de Compostela, que une O Milladoiro coa estación intermodal. Trátase dun traxecto de case 6 km e que desde hoxe xa se pode percorrer en bicicleta, a pé ou en vehículos de mobilidade persoal

Blas García: “Esta infraestrutura combínase á perfección coa humanización da avenida Rosalía de Castro no Milladoiro, que aposta tamén por unha mobilidade interior máis sostible, segura e accesible. Son actuacións que se complementan e forman parte dunha mesma visión: facilitar os desprazamentos a pé e en bicicleta, conectar mellor Ames con Santiago e avanzar cara a un modelo de mobilidade máis sostible”

Ames, 14 de agosto de 2026 – Esta mañá, a corporación municipal de Ames inaugurou, xunto ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a senda peonil e ciclista entre O Milladoiro e Santiago de Compostela, unha opción fronte ao vehículo particular, cunha ruta integrada na paisaxe, accesible e conectada co transporte público, que contribúe así mesmo ás políticas de transición ecolóxica e de cambio climático. Á inauguración tamén asistiron o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez.

Este é o último treito do eixo de mobilidade de Santiago de Compostela, que une O Milladoiro coa estación intermodal. Trátase dun traxecto de case 6 km no que a Xunta investiu 7,5 millóns de euros, cofinanciados con fondos Next Generation, que desde hoxe xa se pode percorrer en bicicleta, a pé ou en vehículos de mobilidade persoal.

O alcalde de Ames, Blas García, sinalou que “a inauguración desta senda supón un gran paso para fomentar unha mobilidade sostible entre o Concello de Ames e o de Santiago. Esta infraestrutura combínase á perfección coa humanización da avenida Rosalía de Castro no Milladoiro, que aposta tamén por unha mobilidade interior máis sostible, segura e accesible. Son actuacións que se complementan e forman parte dunha mesma visión: facilitar os desprazamentos a pé e en bicicleta, conectar mellor Ames con Santiago e avanzar cara a un modelo de mobilidade máis sostible.”

O rexedor amesán tamén quixo deixar claro que “ambas actuacións atopáronse con oposición e debate, algo lóxico cando falamos de obras relevantes que transforman o espazo público e afectan directamente á vida das persoas, pero por riba de calquera diferenza debe primar sempre o interese xeral. As administracións públicas estamos para sumar, para colaborar e para remar na mesma dirección cando se trata de mellorar a vida da veciñanza. Podemos ter visións diferentes, pero nunca podemos permitir que os intereses políticos entorpezan actuacións que son positivas para a cidadanía. O importante é que cando unha actuación responde a unha necesidade real e contribúe a construír un ames e unha contorna máis sostible, segura e conectada as administracións debemos ser parte da solución e non do problema”.

O eixo de mobilidade sostible de Santiago de Compostela está composto por tres treitos —permite chegar tamén ao Hospital Clínico e San Caetano— e suma en total 10,3 quilómetros, cun investimento de 11,2 millóns de euros.

Dáse así resposta a unha demanda social de conexións seguras para camiñar ou circular en bicicleta. Do mesmo xeito, contribúese a reducir as emisións ao medio ambiente, tendo en conta que se calcula que percorrer en bicicleta o  treito entre O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago de Compostela pode levar uns 20 minutos.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *