Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today19 mayo, 2026
Santiago de Compostela, 19 de maio de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou a situación de deterioro e falta de mantemento que presentan distintos muros e elementos patrimoniais do Casco Histórico de Santiago e advertiu de que a cidade ofrece actualmente unha “imaxe de abandono impropia dunha cidade Patrimonio da Humanidade”.
A edil socialista alertou de que en diferentes puntos do casco vello poden verse muros cubertos de maleza, vexetación sen controlar e espazos cun evidente estado de abandono, como sucede “no muro da Praza de Abastos ou no entorno do convento de San Paio, na rúa da Conga”.
Neste contexto, Abal anunciou que o Grupo Municipal Socialista levará ao Pleno deste mes unha iniciativa para esixir actuacións inmediatas por parte do Goberno municipal ante unha situación que, segundo advertiu, “evidencia a falta de planificación e a ausencia de mantemento por parte da señora Sanmartín”.
A concelleira socialista lembrou ademais que o Pleno municipal aprobou no mes de xuño do ano pasado unha iniciativa presentada polo grupo municipal socialista para impulsar un plan anual de mantemento de infraestruturas, espazos e elementos urbanos en toda a cidade, pero denunciou que “case un ano despois, seguimos vendo problemas de conservación incluso en espazos tan sensibles como o Casco Histórico”.
“O máis grave é que falamos dunha situación reiterada e visible nun dos espazos máis importantes da cidade, precisamente onde debería existir máis coidado e máis planificación”, sinalou Abal, quen advertiu de que o Goberno municipal “non pode seguir actuando só cando hai denuncias públicas ou críticas veciñais”.
A iniciativa socialista reclama actuacións de “limpeza, mantemento e conservación dos elementos patrimoniais de titularidade municipal, así como inspeccións e requirimentos nos casos de titularidade privada” para garantir o seu correcto estado de conservación.
Para a edil socialista, a situación actual evidencia tamén a falta dun modelo de mantemento estable e preventivo por parte do executivo local. “Santiago non pode permitirse ter o seu patrimonio nun estado de abandono mentres o Goberno municipal segue sen cumprir os acordos aprobados no propio Pleno”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción
casco historico denuncia politica psdg-psoe Santiago de Compostela



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)