Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today23 mayo, 2026
23 de maio de 2026.- A XI Andaina Terras de Altamira, organizada pola asociación O Esquío no Piñeiro en colaboración co Concello de Brión, vén de romper con todos os récords de participación: 1.200 persoas percorreron os montes e aldeas do municipio durante hoxe sábado, 200 máis que na edición anterior. Unha proba non competitiva pero puntuable tanto para a Liga Galega de Andainas da Federación Galega de Montañismo (FGM) e a Liga Ibérica de Sendeirismo da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME).
Tras gardar un respectuoso minuto de silencio pola traxedia acontecida esta semana no municipio, o alcalde de Brión, Pablo Lago, e o presidente da Federación Galega de Montañismo, Alejandro López Sánchez, deron a saída a unha proba cun percorrido de tres distancias: 16, 33 e 50 km, a escoller por cada participante segundo o seu nivel de esixencia física.
A saída tivo lugar da contorna da Carballeira de Santa Minia, de onde o pelotón saíu cara a aldea de Lamiño ata chegar ao Balneario do Tremo, de onde continuou xa moito máis disperso polas aldeas do Cabo e O Rial cara Bastavales, sempre por camiños de monte e desfrutando de enclaves emblemáticos no municipio como o Santo Arandel, a Ponte Paradela ou o Pazo Faramello, primeiro, chegando a pasar a carón de mámoas do Monte Rañalonga e das Torres de Altamira aquelas persoas que cubriron os 50 km.
O percorrido estaba sinalizado con cintas personalizadas reutilizables de cor laranxa, así como por frechas de dirección pintadas no chan en cor rosa, que foron retiradas hoxe mesmo segundo pasaba o derradeiro sendeirista. Ademais, para reducir o impacto ambiental da proba, por segundo ano apostouse por agasallar na bolsa do sendeirista cun vaso de PLA, como alternativa ao plástico sostible. Un vaso reutilizable que tiveron que utilizar durante toda a proba, toda vez que nos puntos de avituallamento non había vasos de plástico.
A XI Andaina Terras de Altamira foi organizada pola asociación O Esquío no Piñeiro e o Concello de Brión, que contaron coa colaboración coa Federación Galega de Montañismo (FGM), a Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME), a Universidade de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, Deporte Galego, a Liga Galega de Andainas e Liga Ibérica de Sendeirismo.
A pesar de incrementar en 200 o número de prazas dispoñibles, o club tivo que pechar as inscricións un mes antes da proba, debido a que as 1.200 prazas xa estaban cubertas. De feito, durante as dúas últimas semanas abriuse un prazo extraordinario para que aquelas persoas que non puideran finalmente acudir hoxe a Brión, renunciaran á praza e esta puidera ser ocupada por algunha das numerosas persoas que quedaron en lista de agarda.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)