AD

Deportes

O Pino homenaxea aos seus mellores deportistas

today30 julio, 2026

Fondo
share close
AD

• O alcalde asegura que estas distincións “recoñecen o esforzo, o traballo diario e o sacrificio da mocidade que levan o nome do noso municipio por Galicia adiante”

• Os galardoados nesta terceira edición son o xogador de hóckey sobre patíns Hugo Rodríguez Blanco, a atleta Xiana García Seijo e os integrantes do equipo cadete da SD O Pino

O Pino. 30-7-2026.- O alcalde Manuel Taboada asegurou esta mañá que coa entrega dos diplomas ao mérito deportivo, o Concello do Pino quere recoñecer “o traballo e o esforzo diario que fan estes mozos e esta moza e o sacrificio que implica para poder sobresaír nas diferentes disciplinas”.

“Vós sodes os embaixadores do Pino por Galicia adiante, cando participades nas diferentes competicións”, díxolles Manuel Taboada aos galardoados diante das familias que se deron cita no salón de plenos. Na entrega de distincións tamén participaron o concelleiro de Deportes, Borja Castro, o concelleiro José Fuentes, e o técnico de Deportes, David Castiñeiras.

O Concello do Pino recoñeceu os méritos dos deportistas locais máis destacados durante a temporada entregándolles un trofeo e un diploma. Nesta terceira edición, os galardoados foron o xogador de hóckey sobre patíns Hugo Rodríguez Blanco, a atleta Xiana García Seijo e os integrantes do equipo cadete da SD O Pino.

Hugo Rodríguez Blanco, xogador da A.C. Ordes de hóckey sobre patíns, proclamouse campión autonómico sénior e logrou, xunto co seu equipo, o ascenso da categoría de bronce á de prata.

A atleta Xiana García Seijo, integrante do Club Atletismo O Pino, conseguiu un destacado cuarto posto na proba dos 100 metros valados no Campionato Xunta de Galicia Sub-20, celebrado o pasado 27 de xuño no Pereiro de Aguiar.

Na categoría de equipos, o Concello do Pino recoñeceu o conxunto de cadetes da SD O Pino, campión da Liga Cadete de 2ª Futgal e semifinalista da Copa do Sar.

Entre os integrantes do equipo nados no municipio están os xogadores Yeray Barreiro Villar, Daniel Jesús Camba Quintela, Alexandre Fernández Botana, Iván Fernández Mella, Hugo García Moledo, Santiago Mecías Rey, Pedro Montero Castiñeiras (que non puido asistir ao acto), Pedro Muñoz Fandiño, Iker Naveiro Martínez, Rodrigo Sanjuás Tarrío, Román Suárez Rodeiro e Enoc Taboada Gómez. O recoñecemento estendeuse tamén a Javier Gendre Mella, segundo adestrador do equipo cadete e tamén míster do conxunto infantil de fútbol sala, ao que levou ata unha meritoria quinta posición na competición.

O Concello instaurou estes recoñecementos no ano 2023 co obxectivo de dar visibilidade aos méritos da mocidade empadroada no municipio que destaca en distintas disciplinas deportivas. A través desta iniciativa, o goberno municipal reafirma o seu compromiso co deporte de base e co apoio ás novas xeracións de deportistas do Pino.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *