Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 mayo, 2026
A histórica Sala Capitol de Santiago converteuse nun dos grandes nomes propios da XIII edición dos Premios Martín Códax da Música ao recibir o Premio Organistrum á Mellor Sala de Galicia nunha gala marcada pola reivindicación da escena musical galega e pola homenaxe final a Los Suaves.
O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu unha cerimonia envolta nunha estética inspirada nas lendas e supersticións, nunha edición simbólica polo seu número trece. Entre actuacións, emoción e aplausos, a Capitol foi recoñecida polo seu papel clave como epicentro da música en directo en Galicia, consolidándose como un espazo de referencia tanto para artistas emerxentes como para grandes nomes do panorama estatal e internacional.
O premio chega nun momento especialmente relevante para a sala compostelá, que nos últimos anos reforzou a súa programación e o seu vínculo co público galego, mantendo viva a actividade cultural e musical en Santiago.
Na categoría de festivais, o Premio Organistrum foi para o Festival Alternativo Millo Verde, mentres que Galicia en Concierto recibiu o recoñecemento á Comunicación e Difusión Musical.
No apartado artístico, Stoned at Pompeii levou o premio en Rock e Punk; Allo Negro triunfou en Blues, Funk e Soul; e Galician Army confirmou o seu peso na electrónica galega. Tamén foron distinguidos nomes como Antía Muíño, Hugo Guezeta, Lamatumbá, María Mendoza, Xan Campos ou Paco Nogueiras.
A gala culminou coa entrega do Premio Honorífico a Los Suaves, nun dos momentos máis emotivos da noite e que puxo o broche final a unha edición que volveu evidenciar a fortaleza e diversidade da música feita en Galicia.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)