Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
“A memoria foi o único que os asasinos eran incapaces de matar” Alejandra Barco Tojo, bisneta do represaliado José Tojo.
“Os herdeiros dos verdugos daqueles feitos seguen co mesmo odio, coa mesma violencia e coas mesmas ansias de poder, de someter, de dictar a norma, dictar a DICTADURA”, Xosé Luis Rivas “Mini” Concelleiro do BNG de Boimorto.
“Dende o BNG cremos que unha das mellores maneiras de homenaxear os Homiños de Boimorto e a súa memoria é non dar nunca por garantidos os logros que foron conquistados e defendidos por persoas que deron a vida pola democracia e os dereitos de Galiza”, Escarlata Pampín, voceira do BNG de Ames.
Este ano a homenaxe do BNG de Ames tivo lugar na carballeira de Ortoño e contou coas intervencións de Xosé Luís Rivas Cruz, “Mini”, concelleiro do BNG de Boimorto, Alejandra Barco Tojo, bisneta do represaliado José Tojo e Escarlata Pampín López, voceira do BNG de Ames. Os numerosos asistentes puxeron de manifesto o interese da veciñanza en denunciar os feitos e evitar que vítimas da represión fascista queden no esquecemento.
Ames, 28 de agosto de 2026. O acto serviu tamén para evidenciar o auxe dun neofascismo que quere volvernos para atrás, que está promovendo guerras, discursos de odio e o branqueamento da ditadura franquista. “Ese branqueamento non é pasado: é un aviso. Quen banaliza o franquismo está abrindo a porta á intolerancia, á violencia, á xenofobia e en definitiva, está ameazando á democracia e ós dereitos humanos” subliñou Escarlata Pampín.
“Agora, noventa anos despois, séntense incómodos coa lei de Memoria Democrática, con isto das exhumacións e con que queiramos recuperar e render memoria e recoñecemento a quen foron asasinados vil e covardemente”, afirmou Xosé Luis Rivas “Mini”. “Cumprimos e cumpriremos coa nosa obriga para coa verdade. Ningún crime debe quedar sen castigo, que alomenos teña a carga de censura que unha sociedade democrática debe exercer sobre os verdugos”, recalcou.
Neste sentido, a voceira do BNG de Ames sinalou que “sorpréndenos e dóenos a falta de implicación do goberno do PSOE amesán que semella non entender a importancia de dignificar esta memoria colectiva” e engadiu “porque nós non imos aceptar o silencio que outros permiten. Mentres teñamos voz, non haberá esquecemento nin impunidade.”
“Din que, mentres un non esqueza a alguén, seguirá vivo dalgún xeito. A mediados de agosto do 36 asasinaron a meu bisavó. Asasinaron aos “Homiños de Boimorto”. Noventa anos despois son inmortais” aseverou Alejandra Tojo.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)