Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today1 junio, 2026
Santiago de Compostela, 1 xuño 2026.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, inicia co actor Luis Zahera unha nova tempada do seu podcast CódigoAna, un espazo de entrevistas e conversa con referentes de diferentes ámbitos da sociedade galega.
Zahera, un dos actores máis recoñecidos e premiados do panorama audiovisual actual, protagoniza deste xeito a primeira entrega desta nova tempada que se estrea mañá martes, 2 de xuño, e que poderá verse integramente a partir das 18,30 h na canle de YouTube do programa.
Neste primeiro episodio, Pontón aborda con Zahera cuestións como o exercicio da profesión e a xestión da fama, o debate sobre o posicionamento das figuras públicas, o seu propio compromiso en temas como o de Altri ou o movemento ‘Nunca Máis’, ou a situación dun mundo inmerso nunha escalada bélica. O encontro tamén permite achegarse á súa faceta máis persoal a través dunha conversa distendida na que Pontón conecta coa vertente máis íntima e emotiva do actor.
CódigoAna trata temas que interesan e preocupan á cidadanía a través dos e das protagonistas que, nun cara a cara con Ana Pontón, contan a súa propia experiencia vital e profesional, coa que se poden sentir identificadas ou interpeladas outras moitas persoas.
Con estas conversas, a líder do BNG quere ir máis aló do marco estritamente político e mostrar a súa faceta máis humana e persoal a través de charlas con referentes vinculados a ámbitos como o da cultura, a economía, o emprendemento, a vivenda, o feminismo ou de calquera outro que hoxe interese ou preocupe á sociedade galega.
Tanto os avances de todos os programas como a súa posterior versión íntegra poderán verse a través das redes sociais de CódigoAna nas canles de Instagram, TikTok, Facebook, X e YouTube, e serán emitidos coa regularidade que permite a axenda política da portavoz nacional.
Luis Zahera
Nacido en Santiago de Compostela en 1966, Luis Zahera saltou á fama polo seu papel de Petróleo na serie ‘Mareas Vivas’, a partir da que desenvolveu unha das traxectorias máis destacadas, recoñecidas e premiadas da industria audiovisual actual.
Gañador de dous Goya e catro Mestre Mateo, ten tamén no seu haber dous premios Feroz, un Platino Award e a Medalla de Ouro ao Mérito en Belas Artes, entre outros moitos galardóns e distincións ao seu traballo.
Protagonista dalgunhas das interpretacións máis recordadas no imaxinario colectivo e con máis de 50 películas e preto de 30 series ás súas costas, Zahera continúa enlazando rodaxes nunha prolífica carreira que o confirman como un dos actores consagrados e máis solicitados do panorama escénico dos nosos días.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)