AD

Comarca

A Estrada proxecta un novo pulmón verde e unha zona de estacionamento na Carballeira de Melania

today29 agosto, 2026

Fondo
share close
AD
  • O goberno local chegou a un acordo coa trintena de propietarios dos 14 solares para a súa cesión de uso mediante arrendamento.
  • A actuación abrangue uns 6.000 metros cadrados entre as rúas Gradín e San Antón.
  • O proxecto prevé conservar o arborado existente, crear paseos e abrir novas conexións peonís coa contorna urbana.

A Estrada, 29 de agosto de 2026.- O Concello da Estrada avanza na creación dun novo recinto de esparexemento na zona centro da capital estradense, na contorna popularmente coñecida como Carballeira de Melania. O goberno que encabeza Gonzalo Louzao chegou a un acordo cos propietarios dos 14 solares que conforman este espazo para dispoñer dos terreos mediante un arrendamento e destinalos ao uso público.

O Concello traballa xa na redacción do proxecto, cuxos detalles se darán a coñecer unha vez completado o deseño, previsiblemente durante o mes de setembro. A actuación abranguerá unha superficie aproximada de 6.000 metros cadrados, enmarcada polas rúas San Antón e Gradín, nunha zona céntrica que actualmente se atopa en desuso.

A pesar de tratarse de 14 solares, a negociación municipal implicou contactar cunha trintena de titulares diferentes. Segundo explicou o alcalde, alcanzouse un acordo con todos eles polo que o Concello abonará un alugueiro anual para poder destinar estes terreos á creación do novo recinto público.

A aposta pola Carballeira de Melania quedou xa reflectida nos orzamentos municipais de 2026, que incorporaron unha partida de 200.000 euros para impulsar a creación dun novo pulmón verde no centro da Estrada. A iniciativa pretende aproveitar as especies arbóreas existentes e abrir este espazo ao uso e desfrute da cidadanía.

Á espera de que o proxecto técnico concrete definitivamente a distribución da superficie, a intención do goberno local é combinar a zona verde cunha área destinada ao estacionamento público, situada na parte máis próxima á urbanización de chalés existente a carón da igrexa parroquial de San Paio.

O Concello tamén estudará a apertura do recinto á malla urbana que o rodea. Neste sentido, valorarase a retirada do muro que actualmente separa os terreos da rúa San Antón e que constitúe unha importante barreira visual entre a carballeira e o resto do casco urbano.

A futura zona verde conservará, na medida do posible, a estrutura natural do terreo. A actuación prevese como unha humanización respectuosa coa vexetación e co arborado existente, aproveitando especialmente as zonas de sombra para configurar paseos e espazos de estancia, que se completarán coa instalación de mobiliario urbano.

O proxecto técnico deberá resolver tamén aspectos derivados da propia configuración do terreo, como a pendente existente e as medidas necesarias para garantir a seguridade ante as diferenzas de nivel.

Louzao avanzou, ademais, que a intención municipal é dotar a Carballeira de Melania de accesos tanto desde Gradín como desde a rúa San Antón. Deste xeito, ademais de crear unha nova zona verde e de lecer no centro da vila, o futuro parque funcionará como unha conexión peonil entre estas dúas vías do casco urbano.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *