AD

Actualidad

Borja Verea apoia as reclamacións veciñais sobre seguridade: “O que hai que facer é actuar”

today1 junio, 2026

Fondo
share close
AD

O líder popular afirma que “a seguridade, igual que a limpeza, non é unha cuestión de ideoloxía, senón de convivencia, prevención, coordinación e xestión”.

• “Se os que están gobernando consideran que non hai un problema, como o van solucionar?”, preguntou Verea.

O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, participou esta noite xunto ao concelleiro José Ramón de la Fuente na mobilización convocada na Praza Roxa por veciños e colectivos do Ensanche para reclamar solucións ante o incremento da inseguridade na cidade.

Durante a concentración, Verea asegurou que “a inmensa maioría dos santiagueses queren unha cidade tranquila, segura e ben coidada” e insistiu en que “a seguridade, igual que a limpeza, non é unha cuestión de ideoloxía”.

“Nin é unha cuestión de dereitas ou esquerdas, nin do Partido Popular, nin de CA, nin do BNG nin do PSOE. É unha cuestión de convivencia, de educación, de xestión, de prevención, de coordinación e de ter un espazo público que sexa de todos desde o momento no que saímos pola porta da nosa casa”, afirmou.

Verea advertiu de que “cando alguén intenta delinquir, facer a cidade máis insegura ou menos habitable, isto non vai de ideoloxías” e asegurou que “o que máis enfada á xente é que negar un problema nunca o vai resolver”.

“Nós non queremos alarmar. O que pedimos é actuar. E iso é o que están reclamando cada vez máis veciños da cidade”, sinalou.

O tamén deputado autonómico considerou “moi perigosa” a análise do Goberno de BNG e CA ao “trasladar a impresión de que non hai solución” e insistiu en que “Santiago pode volver ser unha cidade tranquila, segura e limpa”.

“O Concello ten moito que dicir. Noutras cidades houbo importantes melloras en cuestión de seguridade. Por que non en Santiago?”, preguntouse.

Neste sentido, o líder popular criticou que os partidos do Goberno municipal, non participasen na mobilización veciñal “a pesar de estar presentes habitualmente en manifestacións e concentracións do seu entorno ideolóxico”.

“Se os que están gobernando consideran que non hai un problema, como o van solucionar?”, preguntou.

Ademais, o PP rexeitou que “se lle bote a culpa á Policía Local ou aos funcionarios” e reclamou “máis medios, prioridades políticas e orzamentos” para afrontar a situación.

“É moi grave o que estamos vendo día si e día tamén en distintos puntos da cidade. E tamén é moi grave que o Goberno municipal se dedique a negar un problema porque negando un problema nunca se vai solucionar. O que hai que facer é actuar”, afirmou.

Verea deixou claro que o Partido Popular está “alí onde os veciños queren trasladar os seus problemas” e insistiu en que a concentración “non nace do PP, senón dos propios veciños e da asociación veciñal do Ensanche”.

“Os veciños están cansos de ver como se deteriora o seu espazo público e como nos últimos cinco, dez ou quince anos ese deterioro foi en aumento. O noso deber é acompañar, escoitar e prepararnos para, se así o deciden os cidadáns a partir do ano que vén, poñer solucións desde o minuto un”, concluíu.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *