AD

Actualidad

Santiago culmina a construción da plataforma loxística para o abastecemento do centro histórico

today1 junio, 2026

Fondo
share close
AD

Xunta de Goberno aprobou, na sesión ordinaria deste luns, a aceptación da entrega por parte do Consorcio de Santiago da obra para o centro loxístico de provisión e distribución de mercancías no centro histórico, coñecido como plataforma loxística.

A voceira lembrou que este proxecto conta cunha subvención dentro do programa de axudas a concellos para a implantación de zonas de baixas emisións e a transformación dixital e sostible do transporte urbano do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia que foi concedida o 17 de febreiro de 2022. A axuda asignada foi de 3.913.920,00 €, procedentes de fondos europeos, sobre un investimento previsto de 4.348.800,00 € (máis IVE).

En virtude do convenio asinado o 9 de xaneiro de 2023 polo Concello, o Consorcio e Mercasa (Sociedad de Mercados Centrales de Abastecimiento, SA), o Consorcio da cidade asumiu a construción do centro, para cuxa execución contou, mediante un encargo a medio propio, coa empresa estatal TRAGSA.

Os terreos en que se sitúa, case 40.000 m2, ao carón de Mercagalicia, obtivéronse en desenvolvemento dun Plan especial de infraestruturas e dotacións no sistema xeral SU-3 Tambre Norte, que quedou aprobado definitivamente o 11 de outubro de 2023.

A proposta de crear un centro loxístico de distribución de mercadorías ten a súa orixe en varios documentos estratéxicos, como o plan plurianual do Real Padroado, a Axenda 2030 ou o Plan de mobilidade sostible, e o obxectivo de diminuír na Cidade Histórica as consecuencias negativas na calidade ambiental, no uso das rúas e prazas e no patrimonio da alta presenza de vehículos de distribución.

“Prevese que o centro funcione como un nodo de recepción de cargas para, coa mestura necesaria, seren repartidas nos puntos de destino finais, inicialmente negocios de hostalaría e alimentación, con vehículos de cero emisións e de tamaño e peso reducidos”, apuntou Louzao.

A nave da plataforma, cunha superficie construída de 2.335 m2, conta cunha zona de carga e descarga e catro áreas de aparcamento: 20 prazas para o persoal operativo, 22 prazas para a carga de vehículos de distribución, 14 prazas para a recarga eléctrica dos vehículos e 7 prazas para a descarga de camións.

Organízase en torno a unha zona principal, alta e diáfana para albergar con flexibilidade as distintas fase do proceso, con 45 m de ancho e 61 m de lonxitude. Perimetralmente, disponse outra zona de menor altura e lonxitude para os servizos secundarios. Nos testeiros sitúanse os peiraos de acceso (con capacidade para 7 vehículos simultáneos) e de saída (con capacidade para 5 cargas simultáneas).

Na propia documentación elaborada para a candidatura á subvención, xa se recollía a necesidade de realizar unha consulta preliminar ao mercado, orientada a operadores loxísticos, para definir o modelo de colaboración público-privada máis adecuado para a xestión e para coñecer os seu posible interese e condicións.

Esta consulta, encargada a Mercagalicia, empresa de maioría municipal formada tamén por Mercasa, concluíu que non existe actualmente ningunha solución equivalente plenamente implantada, o que, xunto coa complexidade multisectorial da plataforma, confirma a necesidade de adoptar un modelo de gobernanza colaborativo que inclúa distintos sectores de actividade para reducir riscos, incrementar a capacidade e xerar confianza entre os operadores. Tamén recomenda unha implantación por fases vinculada a tipos de mercadoría, considerando a dimensión tecnolóxica o factor chave para a viabilidade e eficiencia da plataforma.

Míriam Louzao detallou que os modelos económicos presentados polos operadores indican que o funcionamento deste servizo alcanzará o seu punto de equilibrio económico a medio e longo prazo e poñen de manifesto a viabilidade e sustentabilidade do proxecto.

Nas conclusións da consulta faise fincapé na información e os datos que fornecerá o propio funcionametno da plataforma e na súa utilidade para  escalar o proxecto e tamén para replicalo noutros centros históricos, cumprindo así co obxectivo de innovación que prevía a convocatoria das axudas.

Paralelamente, o Concello está realizando obras de urbanización dos accesos exteriores, non incluídas no proxecto acordado co Consorcio, que teñen un orzamento de máis de máis de 600.000 euros.

Estase preparando tamén o expediente para verificar o previsto no convenio e encargarlle a xestión desta infraestrutura a Mercagalicia, que poderá establecer sinerxías coas súa actividade actual.

Reurbanización da rúa de Mallou

Así mesmo, aprobouse expediente para a licitación por procedemento aberto simplificado das obras de reurbanización da rúa de Mallou, cun orzamento base de 1.443.102,71 € (IVE incluído) e un prazo de execución de 15 meses.

Míriam Louzao destacou que esta obra significará intervir nun ámbito de algo máis de 7.500 metros cadrados, cunha lonxitude de máis de medio quilómetro entre a rúa Pequena polo sur e a confluencia coa rúa Queimada polo norte, para mellorar a accesibilidade e a funcionalidade da rúa, así como elevar a calidade do espazo público e conseguir renovar e ordenar as redes de servizos.

O espazo redistribuirase para crear un carril único de circulación, amplo, e con espazo para a bicicleta, procurando un equilibrio entre o coche, o transporte urbano, a bicicleta e os desprazamentos a pé. Tamén se organizarán espazos de estacionamento.

“Grazas a esta actuación, haberá itinerarios peonís seguros, ao construírse novas beirarrúas accesibles, cinco pasos peonís elevados e unha zona máis ampla de plataforma única na metade do ámbito, que ademais de mellorar a accesibilidade, tamén contribuirá a calmar o tráfico rodado”, indicou a voceira municipal, quen apuntou que tamén se deseñaron pequenos espazos de estancia vinculados á plantación de árbores ou ás que xa existen.

No tocante ás instalacións, alén de incorporar a rede separativa de saneamento e a drenaxe de pluviais en toda a superficie, adáptase a rede de abastecemento á nova rasante, sotérranse as cablaxes e instálanse sistemas máis eficientes de iluminación. Tamén se van recolocar de forma máis racional as illas de colectores de residuos.

“Unha actuación, por tanto, encadrada no modelo de calidade e resiliencia do espazo público que se está implantando, que aumenta a seguridade, a accesibilidade e a prestación de servizos públicos”, subliñou Míriam Louzao.

Oferta de Emprego Público 

Na mesma sesión foi aprobada a Oferta de Emprego Público para o ano 2026 do Concello de Santiago de Compostela, que inclúe un total de 41 prazas: 35 pola quenda libre e 6 como consecuencia de promoción interna. As 35 prazas da quenda libre distribúense en 11 para persoal funcionario da Administración Xeral, 7 para persoal funcionario da Administración Especial e 17 para Policía Local e extinción de incendios. En concreto, 10 para Policía Local e 7 para Bombeiros.

Licenzas urbanísticas

A Xunta de Goberno aprobou tamén conceder licenza urbanística para a reforma dun local en planta baixa para dedicalo a vivenda na rúa da Estrada, 88; a rehabilitación enerxética do edificio situado na rúa da Ponte do Sar, 76; a substitución de cuberta na rúa da Acibechería, 1; e a reforma e ampliación dunha edificación para destinala a seis apartamentos turísticos no lugar de Sarela de Abaixo. Este inmoble está situado en solo de núcleo rural, fóra do ámbito da suspensión aprobada no pleno de febreiro.

Centro para Persoas en Situación de Senfogarismo

A Xunta de Goberno aprobou, por outra banda, o texto refundido da Ordenanza reguladora do Centro de Acollida e Inclusión Social Básico para Persoas en Situación de Senfogarismo incluíndo as modificacións introducidas a respecto do texto aprobado inicialmente polo Pleno da Corporación na sesión do pasado 26 de marzo.

O texto da ordenanza foi sometido a información pública e comunicado ao Servizo de Inspección da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta, para recabar a súa valoración técnica. Atendendo ás súas indicacións, adáptase a denominación do centro á tipoloxía recollida na normativa autonómica. O cambio de maior alcance refírese ao réxime sancionador recollido no capítulo VI á distribución competencial establecida pola Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, que reserva esta potestade á Administración autonómica. O texto refundido someterase á aprobación definitiva do Pleno.

Outros asuntos

Por outra banda, o goberno local tomou conta da concesión de subvención da Deputación da Coruña para o programa de actividades da Rede Cultural 2026, que supón unha axuda de 4.383,30 euros para unha achega municipal de 14.611 euros e que inclúe 21 actividades que se realizarán en 16 centros socioculturais da rede municipal.

Autorizouse, así mesmo, o préstamo temporal, a favor do Consorcio de Santiago de varios documentos do Arquivo Histórico Municipal para a mostra ’A cidade que se soñou a si mesma. Obras e proxectos na Compostela rexionalista’. Cedéronse, en concreto, a carpeta do proxecto da rúa Galicia de Santiago (1932-1935), a memoria deste mesmo proxecto e o bando do alcalde Ánxel Casal para a posta en marcha deste proxecto, emitido o 13 de marzo de 1936.

Aprobouse así mesmo o expediente co concurso de escaparates de Nadal, cun gasto de 6.950 euros, completando así a tramitación deste premio.

A Xunta de Goberno local aprobou tamén un plan específico de medidas necesarias para a corrección dos desequilibrios evidenciados na declaración como zona de mercado residencial tensionado (ZMRT) e as instrucións para solicitar a autorización para a celebración de cacharelas e sardiñadas a vindeira noite de San Xoán.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *