Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today2 junio, 2026
PP e colectivos veciñais alertan dunha crecente sensación de inseguridade, mentres o goberno municipal defende que a cidade segue a ser segura e destaca o traballo policial
A pelexa multitudinaria rexistrada o pasado domingo na rúa Fernando III O Santo e a posterior agresión cunha botella, que deixou un mozo ferido e unha persoa detida, reabriron o debate sobre a seguridade cidadá en Santiago de Compostela. Os feitos, ocorridos con poucas horas de diferenza, serviron de pano de fondo para unha tertulia política na que participaron Manuel César (BNG), Borja Rubio (PP), Marta Abal (PSdeG) e Xan Duro (Compostela Aberta).
O detonante político e social da discusión foi a concentración veciñal convocada na Praza Roxa por colectivos como Raigame e Santa Marta Segura para denunciar a inseguridade e o narcotráfico en determinados barrios da cidade.
A posición máis crítica foi a defendida polo portavoz popular Borja Rubio, quen sostivo que existe unha percepción crecente de inseguridade entre veciños e comerciantes. Aínda que evitou afirmar que Santiago sexa unha cidade insegura, rexeitou que os incidentes poidan considerarse casos illados.
«Hai unha sensación de inseguridade crecente na cidade», afirmou, sinalando que os altercados non se limitan ao interior de determinados establecementos e lembrando tamén os danos causados recentemente nunha terraza próxima á zona afectada.
Rubio anunciou ademais que o Partido Popular acudiría á concentración veciñal para amosar o seu apoio a residentes e comerciantes.
Desde o goberno municipal, o concelleiro de Seguridade e representante de Compostela Aberta, Xan Duro, recoñeceu a preocupación veciñal, pero defendeu que a situación debe analizarse con perspectiva. O edil subliñou que a seguridade non depende unicamente das estatísticas, senón tamén da percepción cidadá.
«A seguridade, alén de números, tamén se basa moito en sensación», sinalou, admitindo que pode existir unha sensación de inseguridade na contorna concreta onde se produciron os incidentes.
Con todo, Duro insistiu en que a Policía Local e a Policía Nacional manteñen unha vixilancia específica sobre a zona e lembrou as actuacións desenvolvidas nos últimos meses contra establecementos conflitivos e puntos de venda de droga. Segundo explicou, durante o último ano foron clausurados cinco narcopisos en distintos puntos da cidade.
O representante de Compostela Aberta defendeu ademais que a resposta ao problema debe combinar medidas policiais con actuacións preventivas e sociais orientadas a reducir o consumo de drogas.
Pola súa banda, Marta Abal, en representación do PSdeG, tratou de situar o debate nunha posición intermedia. A socialista mostrou o seu apoio aos veciños afectados e recoñeceu a necesidade de reforzar a presenza policial en determinadas zonas, aínda que insistiu en que Santiago continúa sendo unha cidade segura.
«Non podemos negar que Santiago é unha cidade segura», afirmou, ao tempo que reclamou estudar as causas concretas dos altercados para previr novos episodios.
Abal tamén puxo en valor a rápida actuación dos corpos de seguridade cada vez que se producen incidentes destas características.
A intervención de Manuel César, representante do BNG, aliñouse coa postura mantida polo goberno local na defensa da seguridade xeral da cidade, aínda que amosou comprensión cara ás demandas veciñais e apostou por continuar reforzando as políticas de prevención e convivencia.
A concentración veciñal celebrada onte na Praza Roxa tamén evidenciou as distintas estratexias dos grupos políticos ante o malestar cidadán. O Partido Popular confirmou a súa asistencia e defendeu a necesidade de acompañar a veciños e comerciantes nas súas reivindicacións. Pola contra, os representantes do goberno municipal, Xan Duro (Compostela Aberta) e Manuel César (BNG), descartaron participar ao considerar que a súa responsabilidade pasa por seguir traballando desde as institucións e os órganos de coordinación en materia de seguridade.
Marta Abal (PSdeG) tampouco confirmou a súa asistencia á concentración, defendendo a necesidade de manter un contacto permanente cos colectivos veciñais a través de reunións e espazos de traballo específicos. Non obstante, o socialismo compostelán si estivo representado na protesta, á que acudiu o secretario local do PSdeG en Santiago, Aitor Bouza, acompañado doutros membros da executiva municipal.
A concentración veciñal estivo marcada polas reclamacións dos asistentes para reforzar a seguridade e combater o narcotráfico en determinados puntos da cidade. Porén, apenas unhas horas despois da mobilización produciuse unha nova liorta entre varios mozos nas inmediacións da zona, un incidente que requiriu a intervención de axentes da Policía Nacional.
A sucesión destes episodios non contribuíu a reducir a preocupación veciñal. De feito, este martes coñeceuse unha nova denuncia por roubos en garaxes de Santiago durante a pasada madrugada. Veciños do número 1 da rúa García Prieto aseguran que polo menos catro vehículos apareceron coas ventás fracturadas e declaráronse “alarmados” ante unha situación que, segundo afirman, “vai de mal en peor”.
Desde a Asociación Raigame tamén denunciaron un roubo nun garaxe de Frei Rosendo Salvado, con varios residentes afectados. Estes novos feitos volven alimentar o debate aberto na cidade sobre a percepción de inseguridade e a necesidade de reforzar as medidas de prevención e vixilancia nos barrios composteláns.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)