AD

Actualidad

Graciela Castro: “O ChichaFest unirá este sábado cultura, música e produto de proximidade”

today10 junio, 2026

Fondo
share close
AD
  • A cofundadora de Chichalovers repasou os detalles do ChichaFest, a gran final do Onda Chicha, que se celebrará o 13 de xuño na Sala Capitol nunha sesión vermú con actuacións de Fuego Lolita, Why Not? e Skadelos, produto local e numerosas sorpresas nun evento que servirá ademais para celebrar o segundo aniversario de Chichalovers

A Sala Capitol de Santiago converterase este sábado 13 de xuño no epicentro da música emerxente galega coa celebración do ChichaFest, unha cita que acollerá a gran final da primeira edición de Onda Chicha, o proxecto impulsado por Chichalovers e Radio Líder Santiago para apoiar, visibilizar e impulsar novas propostas musicais galegas.

A cofundadora de Chichalovers, Graciela Castro, destacou que o festival nace coa intención de reunir nun mesmo espazo todo aquilo que define a filosofía da marca. “O ChichaFest unirá cultura, música e produto de proximidade nunha mesma celebración”, asegurou.

O evento arrancará ás 12:30 horas coa apertura de portas e desenvolverase en formato sesión vermú ata a tarde. Ademais dos concertos, os asistentes poderán desfrutar dun amplo espazo gastronómico protagonizado por produtores participantes en A Paisaxe que Sabe, iniciativa da Deputación da Coruña que promove a excelencia agroalimentaria da provincia.

Entre as propostas gastronómicas haberá degustacións de produtos de proximidade e tamén unha novidade creada especificamente para a ocasión: unha edición especial do “chicha” de Chichalovers, elaborado con sabores inspirados nos produtores que forman parte de A Paisaxe que Sabe. “Estábamos desexosos de que chegara este momento”, recoñeceu Castro, quen avanzou que o público atopará tamén agasallos, sorpresas e un ambiente pensado para celebrar a música, a gastronomía e o territorio.

A gran final do Onda Chicha

O prato forte da xornada chegará a partir das 15:00 horas coa actuación das tres bandas finalistas desta primeira edición: Fuego Lolita, Why Not? e Skadelos. As tres formacións foron seleccionadas tras varios meses de concurso nos que participaron proxectos procedentes de diferentes puntos de Galicia. Durante este tempo, Onda Chicha consolidouse como unha plataforma de promoción para novas bandas, combinando entrevistas, accións de difusión e distintas iniciativas para dar visibilidade aos grupos participantes.

Un xurado profesional integrado por representantes de distintos ámbitos do sector musical será o encargado de escoller durante o festival a banda gañadora, que recibirá como premio a gravación dun EP nos estudos Garaxe Land, unha oportunidade destinada a impulsar o desenvolvemento profesional do proxecto seleccionado.

Sete convocatorias para impulsar o talento emerxente galego

O ChichaFest pechará a primeira etapa de Onda Chicha tras sete convocatorias nas que foron recoñecidas bandas como Lisdexia, Amaramar, Why Not?, Pulpa, Noite Atari, Skadelos e Fuego Lolita. Ao longo destes meses, o proxecto converteuse nun escaparate para a nova creación musical galega, permitindo dar visibilidade a propostas de estilos moi diferentes, desde o punk e o rock ata o indie ou a electrónica. Castro destacou o nivel das bandas participantes e o talento que existe actualmente na escena musical galega. “Hai unha riqueza musical marabillosa e un potencial brutal”, afirmou, ao tempo que puxo en valor a diversidade de propostas que pasaron polo certame.

Segundo aniversario e novo local en Santiago

O ChichaFest servirá tamén para conmemorar o segundo aniversario de Chichalovers. En apenas dous anos, a marca conseguiu consolidar unha comunidade arredor do produto de proximidade, a gastronomía e a cultura, participando en eventos por toda Galicia e impulsando iniciativas como o propio Onda Chicha.

Durante a entrevista, Graciela Castro fixo balance destes dous anos de traxectoria, que definiu como “frenéticos, pero marabillosos”, marcados polo crecemento continuo do proxecto e pola resposta do público.

Ademais, avanzou que Chichalovers abrirá proximamente un segundo local en Santiago de Compostela, situado nunha zona máis céntrica da cidade. O novo establecemento incorporará novidades como a venda doutros produtos de proximidade elaborados por produtores cos que colaboran habitualmente, reforzando así a aposta da marca polo territorio e pola promoción do produto local.

As entradas para o ChichaFest xa están dispoñibles a través da web da Sala Capitol.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *