AD

Actualidad

O CPEIG celebra este venres a XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

today11 junio, 2026

Fondo
share close
AD

Santiago de Compostela, 11 de xuño de 2026.- O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrará mañá venres, 12 de xuño, a XVIII edición da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, unha gala que terá lugar a partir das 19:00 horas no Hotel OCA Puerta del Camino de Santiago de Compostela e na que se entregarán os premios anuais da profesión.

O evento, considerado unha das citas de referencia do sector tecnolóxico galego, reunirá a preto de 500 convidados procedentes do ámbito empresarial, universitario, institucional e profesional. A gala ten como obxectivo poñer en valor a contribución da enxeñaría informática ao desenvolvemento da sociedade da información e visibilizar iniciativas innovadoras vinculadas ás tecnoloxías da información e das comunicacións.

A apertura da XVIII Noite correrá a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, e contará coa presenza de destacadas autoridades, entre elas o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos; o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Damián Rey; a deputada provincial da área de Sectores Produtivos da Deputación da Coruña, Cristina Capelán; o alcalde de Ames, Blas García; a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras; e a vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da Universidade da Coruña, María José Lombardía, entre outras personalidades e representantes do ecosistema TIC galego.

A condución da gala estará a cargo do xornalista deportivo e presentador da TVG, Terio Carrera. Como artista convidado participará o recoñecido ilusionista e mentalista Jorge Luengo, gañador do Premio Mundial de Maxia en 2009 e habitual colaborador en programas de televisión como MasterChef Celebrity ou Atrápame se podes: Celebrity.

Premiados da XVIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia

Na presente edición, o CPEIG recoñece a destacadas persoas, entidades e iniciativas polo seu labor na promoción da innovación, o emprendemento, a transformación dixital e o desenvolvemento sostible:

  • Premio Iniciativa Emprendedora: Startup Galicia.
  • Premio Ada Byron: Virginia Mato, doutora en Informática e codirectora da Cátedra ALDABA-WIB.
  • Premio Traxectoria Profesional (a título póstumo): Paula Montoto.
  • Premio Especial CPEIG – En Memoria de Hernán Vila: José Valiño e José Manuel García Oya.
  • Premio Iniciativa Empresarial: Sparc Foundry.
  • Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino: Loomi.
  • Premio Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS): Cátedra INDITEX-UDC de IA en Algoritmos Verdes.
  • Premio Iniciativa da Administración: Gerencia de Informática da Seguridad Social.
  • Premio e-Inclusión: OdiseIA.
  • Premio Colaboración Interadministrativa: Concello de Ames.
  • Premio Colexiada/o de Honra: Ramón López de Mántaras.
  • Premio Traballo Fin de Máster: David Zambrana, pola plataforma ShoppyEye.
  • Premio 18º Aniversario CPEIG-A NOITE: Dell Technologies, DXC Technology e Taisa.
  • Premio Impulso Dixital Galicia: Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia.

Con esta nova edición, o CPEIG reafirma o seu compromiso coa promoción do talento, a innovación e a excelencia profesional, consolidando a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia como o principal punto de encontro anual do ecosistema tecnolóxico galego.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *