Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today29 junio, 2026
Ames, 29 de xuño de 2026.- O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, salientou en Ames o reforzo dos 166 gardas civís en prácticas que consolidarán a posición de Galicia como a segunda Comunidade máis segura de España. O delegado deu a benvida ás novas e novos efectivos en prácticas cos que contará este corpo de seguridade en Galicia nun acto de presentación celebrado no Pazo da Peregrina, no que estivo acompañado polo coronel xefe da Comandancia de Lugo e xefe interino da Zona 15 da Garda Civil, Luis Germán Avilés Cabrera, polo alcalde de Ames, Blas García, e polo subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde.
Na súa intervención, Pedro Blanco destacou o papel que desenvolve a Garda Civil en Galicia e que representa “o seu espírito de servizo público, compromiso e proximidade”. “Nun territorio complexo e variado, con realidades moi diversas, a Garda Civil é clave para vertebrar o territorio, para protexer á poboación e para reforzar a confianza da cidadanía nas institucións”, subliñou.
Neste sentido, o delegado agradeceu o labor dos máis de 5.000 axentes da Garda Civil en Galicia “cuxa presenza é fundamental para garantir a igualdade de dereitos e oportunidades para todos os galegos e galegas, vivan onde vivan”, un feito que, lembrou, “é amplamente apreciado pola nosa cidadanía”. Ao mesmo tempo, destacou que “a súa profesionalidade elevou o índice de eficacia policial á mellor cifra da última década”.
Pedro Blanco fixo fincapé no reforzo de efectivos que está a realizar o Goberno nas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, cunha promoción que é a máis numerosa dos últimos anos, ao superar amplamente as 3.000 prazas e destacou que a seguinte convocatoria será aínda maior, converténdose na máis ampla dos últimos 18 anos, cun 4 % máis de prazas.
O delegado salientou que a aposta do Ministerio do Interior pola seguridade non se limita ao incremento dos cadros de persoal, senón que tamén se traduce no impulso de novas instalacións e na mellora dos recursos materiais, o que repercute directamente nas condicións de traballo dos e das axentes, “que visten un uniforme que representa valores que transcenden o tempo: lealdade, integridade e servizo”.
Pedro Blanco tamén tivo palabras de agradecemento para o Concello de Ames e para o seu alcalde, Blas García, pola acollida dispensada e pola colaboración, destacando a súa a disposición para acoller iniciativas que contribúen a achegar o labor da Garda Civil e das institucións á cidadanía.
Con esta nova incorporación de alumnado en prácticas, Galicia suma 166 novos efectivos: 69 na Coruña, 37 en Pontevedra, 31 en Ourense e 29 en Lugo. Este volume de incorporacións reflicte un notable incremento no reforzo do persoal territorial con respecto ao ano 2025, período no que se destinaron 114 alumnos á Galicia. Pedro Blanco animounos a exercer a súa función “con vocación de servizo público, respecto e compromiso co pobo galego”.
Escrito por Líder Redacción



2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)