AD

Deportes

O novo CD Sete Castros abre as portas á canteira do fútbol sala de Lousame

today8 julio, 2026

Fondo
share close
AD
  • Celebrarán dúas xornadas de portas abertas no Polideportivo Municipal Pilar Barreiro Senra: o venres 10 de xullo e o venres 7 de agosto, en horario de 17:00 a 20:00 horas

8 de xullo de 2026.- O salón de plenos do Concello de Lousame acolleu o acto de presentación oficial do Club Deportivo Sete Castros, unha entidade de fútbol sala que nace como iniciativa dun grupo de veciños que desexan poñer en marcha un equipo sénior de fútbol sala e que conte coas súas correspondentes categorías inferiores. Así llelo transmitiron o presidente do CD Sete Castros, Antonio Penedo, e o directivo do club Óscar Filgueira ao alcalde de Lousame, Esteban Ares García, quen estivo acompañado polas concelleiras de Deportes, Mariel Agrafojo Nieto, e de Cultura, Silvia Agrafojo Filgueira.

“Dende o Concello queremos darlle visibilidade e colaborar en todo o que poidamos porque se trata dunha iniciativa moi bonita, como toda a que está relacionada co deporte, como é a creación dun novo club de fútbol sala, modalidade deportiva na que Lousame non tiña ningún club federado”, apuntou Esteban Ares, quen puxo en valor que “dende o club tamén queren crear unha canteira na que os nenos se eduquen nos valores do deporte. Sei que os comezos son duros pero agardamos que saia adiante, dende o Concello apoiaremos en todo o que poidamos”.

Pola súa banda, Antonio Penedo explicou que a iniciativa “nace de veciños de Lousame que queríamos crear un club deportivo para competir a nivel rexional e que teña tamén categoría base para nenos, onde queremos que os rapaces desfruten do deporte, fagan novos amigos e adquiran unha disciplina”. Un punto no que incidiu tamén Óscar Filgueira: “esperamos que a xente se anime a vir e intentaremos sacar un equipo senior e tratar de formar á base, para que nuns anos poidamos estar asentados”. Así mesmo, explicou que o nome do club, Sete Castros, “está relacionado coas sete parroquias que ten Lousame”.

Portas Abertas

Dende o Club Deportivo Sete Castros explican que traballarán para que cada neno e nena medre tanto como futbolista como persoa. O seu obxectivo será ensinar os fundamentos técnicos e tácticos do fútbol, fomentar valores como o respecto, o compañeirismo, o esforzo e a disciplina, e garantir que os xogadores desfruten do deporte nun ambiente saudable e educativo. Neste sentido, apuntan que buscarán unha progresión adaptada a cada idade, priorizando a aprendizaxe, a diversión e o desenvolvemento integral da rapazada. Así, o CD Sete Castro contará con todas as categorías: prebenxamíns, benxamíns, alevíns, infantís, cadetes e xuvenís.

Para dar a coñecer o proxecto entre a veciñanza, o club organizará dúas xornadas de portas abertas no polideportivo Pilar Barreiro Senra de Lousame, en horario de 17:00 a 20:00 horas. A primeira delas terá lugar xa este venres 10 de xullo, mentres que a segunda será o venres 7 de agosto. Os horarios serán: prebenxamíns e benxamíns, de 17:00 a 18:00 horas; alevíns e infantís, de 18:00 a 19:00 horas; e cadetes e xuvenís, de 19:00 a 20:00 horas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *