AD

Destacado

«Cada vez atopamos menores máis novos, incluso de 12 anos, saíndo de madrugada», advirte a policía local

today20 julio, 2026

Fondo
share close
AD
  • O axente da Policía Local de Santiago explica en Radio Líder as principais novidades da nova Lei de prevención de condutas aditivas en menores, advirte da preocupación polo descenso da idade de acceso ao ocio nocturno e reclama implicación das familias, das administracións e da sociedade para afrontar esta realidade.

A entrada en vigor da nova Lei de prevención de condutas aditivas en menores marcou boa parte da entrevista concedida polo policía local Martín Camba en Radio Líder Santiago, na que repasou os cambios normativos, a evolución dos hábitos de ocio nocturno entre a mocidade e os retos aos que se enfrontan tanto as familias como os corpos policiais. O axente, que imparte charlas en centros educativos de toda Galicia, destacou que existe un crecente interese por parte de pais, nais e alumnado por coñecer unha realidade que está a cambiar con rapidez.

Un dos aspectos que máis atención esperta é a equiparación das bebidas enerxéticas coas alcohólicas para efectos da venda a menores. Camba explicou que, desde a entrada en vigor da norma, «os menores de idade non poden acceder a unha bebida enerxética, porque é equiparable a unha bebida alcohólica», unha medida que responde aos riscos asociados ao seu consumo e que, segundo recoñeceu, é a novidade que máis sorprende nas sesións informativas.

Outra das modificacións destacadas afecta ao acceso aos locais de ocio. A nova regulación permite a entrada de mozos e mozas de entre 16 e 18 anos en determinados establecementos, aínda que o policía insistiu en que «os menores de idade non poden acceder ao alcohol», polo que trasladou parte da responsabilidade aos locais de hostalaría, que deben solicitar documentación oficial sempre que exista dúbida sobre a idade dunha persoa.

Durante a conversa, Martín Camba incidiu especialmente no papel das familias, un dos temas que máis debate xera nas súas conferencias. O policía explicou que a nova lei tamén sanciona a indución ao consumo de alcohol en menores, incluíndo situacións nas que son os propios proxenitores quen facilitan as bebidas aos seus fillos antes de acudir a un botellón. «É unha infracción administrativa inducir ao menor de idade ao consumo de alcohol», lembrou, tras sinalar que moitos pais argumentan que así controlan o que beben os seus fillos, unha xustificación coa que afirmou non compartir criterio desde o punto de vista legal.

Camba tamén advertiu dun fenómeno que, ao seu xuízo, preocupa especialmente: o descenso da idade á que os adolescentes comezan a saír pola noite. «Cada vez esas intervencións son con persoas de menor idade», asegurou, sinalando que actualmente resulta habitual atopar menores de 13 anos en espazos de ocio nocturno, unha realidade que, segundo indicou, obrigou tamén a adaptar a lexislación ás novas circunstancias sociais.

En relación coas sancións, lembrou que os pais son os responsables legais dos menores e lamentou que, en numerosos casos, opten por asumir economicamente as multas antes que permitir que os seus fillos realicen traballos en beneficio da comunidade como medida alternativa.

Preguntado pola situación da seguridade cidadá en Santiago, o policía local mostrou unha mensaxe de tranquilidade. «Vivimos nunha cidade segura», afirmou, aínda que matizou que moitas das situacións que transcenden aos medios de comunicación responden máis a «problemas de convivencia» que a feitos de criminalidade. Neste sentido, diferenciou entre alteracións da convivencia, como ruídos ou conflitos na vía pública, e delitos propiamente ditos, advertindo tamén de que a proliferación dos teléfonos móbiles fai que hoxe sexan moito máis visibles episodios que anteriormente pasaban desapercibidos.

Outro dos consellos recorrentes que traslada ás familias ten que ver coa prevención de pelexas e situacións de risco. Camba advertiu de que animar aos menores a responder con violencia pode ter consecuencias moi graves. «Ese ‘ti deféndete’ de noite é moi perigoso», afirmou, lembrando que nunca se sabe como pode reaccionar a persoa que teñen diante nin as consecuencias irreversibles que pode desencadear unha agresión.

Ao longo da entrevista tamén avanzou que participará no Foro pola Educación, que se celebrará en setembro no Auditorio Mar de Vigo, onde abordará precisamente a prevención no ocio nocturno diante de profesionais da educación e familias. Ademais, confirmou que as charlas que desenvolve nos centros educativos continuarán o vindeiro curso tanto en Santiago como noutros concellos galegos, despois de que este ano alcanzasen xa 34 municipios.

Como reflexión final, Martín Camba evitou dar leccións sobre a educación que debe impartir cada familia, pero insistiu na importancia de ofrecer información constante aos menores para que coñezan os riscos aos que se expoñen cando comezan a saír pola noite. O policía concluíu cunha mensaxe de corresponsabilidade social: «Temos que remar todos no mesmo sentido para tratar de paliar problemas», apelando á implicación das familias, das administracións e das forzas de seguridade para afrontar unha realidade que, segundo recoñeceu, evoluciona cada vez máis rápido.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *