Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 julio, 2026
A concelleira popular Yolanda Otero reclama a elaboración e publicación dun informe detallado sobre o cumprimento do contrato desde a súa entrada en vigor, ante os problemas salariais, a falta de substitucións e a suspensión de servizos complementarios.
O Partido Popular de Santiago elevará ao Pleno municipal de mañá unha proposición de apoio ás traballadoras e traballadores do Servizo de Axuda no Fogar, afectados polo incumprimento das súas condicións salariais, e reclamará ao goberno local que exerza un control exhaustivo sobre a prestación deste servizo público esencial.
A concelleira popular Yolanda Otero explicou que a iniciativa tamén instará ao executivo do BNG e Compostela Aberta a elaborar e publicar no portal web municipal un informe pormenorizado sobre o funcionamento e cumprimento do contrato actual desde a súa entrada en vigor.
Este documento deberá prestar especial atención aos diferentes apartados recollidos no prego de prescricións técnicas que rexe o contrato, entre eles os criterios xerais de organización do servizo, a responsabilidade da entidade adxudicataria, os recursos humanos, as axudas técnicas e os servizos complementarios, así como a calidade do servizo e os mecanismos de seguimento e avaliación.
Otero advertiu de que o contrato do SAF de Santiago, actualmente en situación de prórroga, presenta diferentes problemáticas que afectan directamente tanto ao persoal traballador, que está a ver minguadas as súas condicións económicas, como ás persoas usuarias, que están a sufrir unha redución da calidade do servizo.
Neste sentido, lembrou que hai unhas semanas a entidade adxudicataria trasladou ao persoal que non lle ía aboar a paga extraordinaria do verán, unha situación que está a xerar “unha enorme inquedanza e incerteza entre as traballadoras e traballadores”.
A esta situación engádese a problemática existente coa substitución do persoal auxiliar. Un número importante de profesionais atópase de baixa laboral e, durante as fins de semana, diferentes servizos están a ser suspendidos por falta de persoal.
“Esta falta de substitucións incide directamente na calidade da atención e provoca un grave prexuízo para as persoas usuarias do SAF e para as súas familias, que dependen dun servizo que non pode verse interrompido”, sinalou a concelleira popular.
O PP tamén denuncia que, desde o pasado mes de abril, permanece suspendido o servizo complementario de fisioterapia vinculado ao Servizo de Axuda no Fogar, unha prestación contemplada dentro do propio contrato.
Yolanda Otero incidiu en que o SAF é un servizo público esencial e de titularidade municipal, polo que o Goberno do BNG e Compostela Aberta, como responsable do contrato, debe exercer as súas funcións de avaliación, seguimento, fiscalización e control da prestación.
“O Goberno municipal non pode limitarse a observar o que está acontecendo. Ten a obriga de comprobar que se cumpren as condicións do contrato, de esixir responsabilidades ante os incumprimentos e de garantir a calidade deste servizo básico”, afirmou.
A concelleira popular lembrou que o Servizo de Axuda no Fogar é un servizo de proximidade fundamental para moitas familias, xa que permite que persoas maiores, persoas en situación de dependencia ou con autonomía limitada reciban atención no seu propio domicilio e poidan permanecer na súa contorna habitual.
“A defensa dos servizos públicos, a prestación dunha atención de calidade e a esixencia de responsabilidades ante posibles incumprimentos contractuais deben ser unha prioridade para todas as administracións públicas e, polo tanto, tamén para o Goberno de Santiago de Compostela”, concluíu Otero.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)