Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 julio, 2026
A plataforma veciñal anuncia a creación de «Santiago de Compostela Segura» para unir asociacións e colectivos na loita contra o narcotráfico e reclama máis firmeza xudicial e implicación cidadá tras a recente macroredada.
A recente macrorredada desenvolvida en Santa Marta, que se saldou con cinco detidos, o decomiso de droga e máis de 40.000 euros en efectivo, abriu unha xanela de esperanza entre a veciñanza, aínda que tamén mantén viva a preocupación sobre a continuidade das actuacións contra o narcotráfico. Así o expresou o presidente da Plataforma Santa Marta Segura, José Manuel López, durante unha entrevista en Radio Líder Santiago, na que fixo balance da situación do barrio, denunciou a persistencia do tráfico de drogas e anunciou un novo paso na mobilización cidadá coa creación da futura plataforma Santiago de Compostela Segura.
López cualificou a intervención policial como «un éxito» e agradeceu o traballo desenvolvido polas forzas e corpos de seguridade, aínda que recoñeceu que existe inquietude entre os veciños tras a posta en liberdade de varios dos detidos. «Estamos expectantes, pero tamén ilusionados de que isto sexa unha boa forma de vivir para o barrio de Santa Marta», afirmou, convencido de que a operación debe marcar «un antes e un despois» na loita contra os puntos de venda de droga.
Durante a entrevista mostrouse especialmente crítico co funcionamento da Xustiza. «A xustiza non ten que ser implacable, pero ten que ser xusta», asegurou, lamentando o que considera unha excesiva tolerancia coa delincuencia. Ao seu xuízo, «hai moitísima tolerancia coa delincuencia», unha situación que, segundo sostén, dificulta que actuacións policiais de gran impacto teñan continuidade e efectos duradeiros sobre o narcotráfico.
Outro dos asuntos que máis preocupa á plataforma é o incremento do consumo de drogas entre menores. López advertiu de que en Santa Marta existen «rapaces de 15 anos» con graves problemas de adicción e denunciou que esta realidade permanece practicamente invisible. «Este é un problema social moi grave. Temos unha xuventude á que queremos darlle un presente e un futuro», afirmou, reclamando unha resposta máis decidida das administracións para frear unha situación que considera alarmante.
Aínda que recoñece que a macrorredada supón «unha esperanza», tamén admite que entre os residentes persiste certo escepticismo. «A realidade que nos din os veciños é que volverán outra vez», explicou, lembrando que algúns dos puntos de venda de droga levan décadas operando e que, sen cambios estruturais, existe o temor de que a situación acabe repetíndose.
Neste contexto, o presidente de Santa Marta Segura anunciou que a plataforma iniciará unha nova etapa coa intención de ampliar a súa base social e territorial. O colectivo continuará convocando concentracións, pero tamén promoverá a incorporación de comunidades de propietarios, asociacións veciñais e colectivos doutros barrios composteláns para constituír unha plataforma de ámbito municipal baixo a denominación de Santiago de Compostela Segura. «Se non loitas, non vas conseguir nada», afirmou López, convencido de que a resposta ao narcotráfico debe ser «unha loita de toda a cidade» e non exclusivamente dun barrio.
Durante a conversa tamén puxo o foco na situación das persoas toxicómanas sen fogar, reclamando máis recursos para a súa rehabilitación e reinserción social. «Hai que axudar esta xente, rehabilitala e darlles unha oportunidade para volver traballar e recuperar as súas familias», defendeu, insistindo en que a problemática das drogas non pode abordarse unicamente desde a perspectiva policial, senón tamén social e sanitaria.
López revelou ademais o custo persoal que lle supuxo encabezar esta reivindicación veciñal. O presidente de Santa Marta Segura confesou que recibiu ameazas e presións desde que a plataforma iniciou as súas mobilizacións contra os puntos de venda de droga. «Tiven ameazas», asegurou, ao tempo que explicou que durante algunhas concentracións membros dos clans chegaron a gravar aos participantes e a cualificalos de «chivatos». Con todo, deixou claro que nin el nin o resto do colectivo darán «un paso atrás». «Se non acabamos co mal, o mal acabará con nós», advertiu, convencido de que o silencio só favorece a continuidade das actividades delituosas.
Como peche da entrevista, José Manuel López lanzou un chamamento á implicación da cidadanía, animando os composteláns a denunciar calquera actividade relacionada co tráfico de drogas e a participar nas futuras mobilizacións. «O presente e o futuro de Santiago depende de nós», concluíu, apelando á unión de barrios, asociacións e veciños para construír «un Santiago limpo e seguro», obxectivo que pretende canalizar a futura plataforma Santiago de Compostela Segura.
Escrito por Líder Redacción
droga narcotrafico santa marta segura Santiago de Compostela




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)