Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 julio, 2026
A maioría das persoas asocian o dano cerebral adquirido a secuelas físicas visibles, pero a realidade é moito máis complexa. Problemas de memoria, dificultades de atención, fatiga extrema ou alteracións na conduta forman parte do día a día de miles de persoas que, a simple vista, parecen non ter ningunha discapacidade. Esa foi a principal mensaxe que trasladou a Federación Dano Cerebral Galicia durante un encontro con profesionais da comunicación celebrado coincidindo co Día Mundial do Cerebro.
A responsable de comunicación da entidade, Irene Cancelas, incidiu en que a invisibilidade das secuelas é unha das maiores barreiras ás que se enfrontan as persoas con dano cerebral adquirido. “Ves unha persoa que non leva cadeira de rodas nin ningún elemento que evidencie unha discapacidade, pero as secuelas están aí. Esa incomprensión xera moita frustración”, explicou.
Entre as consecuencias máis habituais destacou a fatiga neurolóxica, unha realidade pouco coñecida pola sociedade. “Non é un simple cansazo físico; é unha carga mental enorme que obriga a descansar porque o cerebro deixa de ser capaz de seguir funcionando ao mesmo ritmo”, sinalou, exemplificando que moitas persoas deben abandonar reunións familiares ou actividades sociais antes de tempo porque o seu organismo xa non pode responder.
A federación lembrou tamén que o dano cerebral adquirido presenta manifestacións moi diferentes segundo a zona do cerebro afectada. Ás dificultades motoras poden sumarse alteracións cognitivas, emocionais, sensoriais ou de comportamento. “En función do lugar da lesión, as secuelas cambian completamente: poden afectar á memoria, á atención, á fala, ao equilibrio ou incluso á capacidade para relacionarse cos demais”, explicou Cancelas.
Outro dos aspectos sobre os que puxo o foco foi a prevención. A principal causa do dano cerebral adquirido é o ictus e, segundo lembrou, a Organización Mundial da Saúde estima que unha gran parte destes episodios poderían evitarse. “Ata o 90% dos casos de ictus poden previrse mediante hábitos de vida saudables”, afirmou, facendo referencia á importancia da alimentación equilibrada, o exercicio físico, o control da hipertensión, da diabetes ou do colesterol, así como á redución do sedentarismo e doutros factores de risco.
En Galicia, segundo os datos manexados pola federación, máis de 35.000 persoas conviven con dano cerebral adquirido e prodúcense arredor de 7.000 novos casos de ictus cada ano, unhas cifras que, segundo a entidade, evidencian a necesidade de reforzar tanto a prevención como os recursos asistenciais e de rehabilitación.
O momento máis emotivo da entrevista chegou coa intervención de Lucrecia, veciña de Lugo, que sufriu un grave traumatismo cranioencefálico tras unha caída hai catro anos. Despois de varias semanas en coma, iniciou un longo proceso de recuperación acompañado pola asociación Dano Cerebral Lugo.
“Temos a mesma pinta de sempre, pero somos diferentes”, resumiu para explicar unha discapacidade que non sempre deixa pegada visible. A súa vida cambiou radicalmente tras o accidente. “Nunca xamais puiden volver traballar”, confesou ao lembrar que exercía como profesora antes de sufrir a lesión cerebral.
Lucrecia describiu con naturalidade algunhas das limitacións coas que convive diariamente. “Cada dúas horas teño que parar porque xa non podo máis. Non é sono, é unha fatiga intensa que obriga a poñer o cerebro en barbeito para que se recupere”, relatou, explicando que incluso ver unha película pode resultar un esforzo excesivo se non realiza pausas.
Tamén puxo exemplos da incomprensión social que sofren moitas persoas afectadas. “Nunha comida familiar, cando me levanto ás cinco da tarde para marchar descansar, sempre hai alguén que pregunta: ‘Xa marchas?’; non é porque queira irme, é porque xa non podo máis”, explicou, reclamando unha maior sensibilidade cara a estas situacións.
A afectada insistiu en que a sociedade debe aprender a mirar máis alá das aparencias. “Que utilicen a capacidade de observación, a empatía e a paciencia. Pode que a persoa que teñen diante estea repetindo unha pregunta ou tarde máis en facer algo porque ten un dano cerebral invisible”, reclamou.
A Federación Dano Cerebral Galicia aproveitou a conmemoración do Día Mundial do Cerebro para facer un chamamento á sociedade e ás administracións co obxectivo de seguir avanzando en visibilidade, inclusión e acceso á rehabilitación especializada. Un labor que, segundo destacou Irene Cancelas, continúa sendo imprescindible nunha discapacidade relativamente recente desde o punto de vista do movemento asociativo e que aínda precisa derrubar numerosos prexuízos.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)