Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today27 julio, 2026
• Os populares critican que as redes sociais municipais ocultasen os premiados do Día do Traxe Galego que recibiron o galardón de mans de representantes do PP ou da Xunta: «Non se editan imaxes, edítase a realidade».
O Partido Popular de Santiago denuncia unha nova utilización partidista das canles institucionais do Concello por parte do Goberno municipal do BNG, que volve demostrar que entende a comunicación pública como un instrumento de propaganda e non como un servizo público dirixido ao conxunto da cidadanía.
Con motivo da celebración do Día do Traxe Galego, as redes sociais municipais difundiron unha galería fotográfica dos premiados no certame. Ou, mellor dito, dalgúns deles. Porque aqueles que recibiron o seu galardón de mans de concelleiros do Partido Popular ou do secretario xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García, simplemente desapareceron da crónica gráfica oficial.
Non parece tratarse dun descoido. Cando o Goberno municipal selecciona as fotografías que publica en función de quen entrega cada premio, deixa de informar sobre un acto institucional para construír un relato partidista. Non se editan imaxes, edítase a realidade.
Non é, ademais, a primeira vez que sucede. Xa no pasado mes de marzo, con motivo do 8M, o Goberno municipal difundiu un vídeo institucional no que aparecían todas as persoas encargadas de ler o manifesto, agás o concelleiro do Partido Popular. Unha exclusión selectiva que agora se repite e que evidencia unha forma de actuar: utilizar as canles de todos para construír un relato ao servizo do BNG.
Estamos, polo tanto, ante unha práctica reiterada e unha preocupante falta de lealdade institucional. Un goberno municipal representa a toda a corporación, non unicamente aos partidos que forman parte do executivo. Invisibilizar deliberadamente os representantes doutras administracións ou da oposición significa confundir as institucións cun patrimonio de partido.
Pero o máis grave deste episodio non é só o novo intento de borrar a oposición da fotografía institucional, unha práctica que, lamentablemente, comeza a converterse nun preocupante costume. O verdadeiramente inaceptable é que os principais prexudicados por este exercicio de propaganda sexan precisamente os que nada teñen que ver coa disputa política: os premiados.
As persoas distinguidas por manter viva unha das expresións máis valiosas da nosa cultura popular merecen que o seu recoñecemento sexa completo e visible. Todas elas, sen excepcións e con independencia de quen lles fixese entrega do galardón.
As redes sociais do Concello non pertencen ao BNG. Son canles institucionais sostidas por todos os composteláns e deben reflectir con rigor, obxectividade e pluralidade a actividade municipal. Utilizalas para ocultar aquilo que incomoda ao Goberno degrada a función institucional da comunicación pública.
Desde o Partido Popular de Santiago esiximos ao Goberno municipal que poña fin á utilización partidista das canles institucionais, respecte a pluralidade propia das institucións democráticas e ofreza as desculpas que merecen os premiados, cuxa imaxe e recoñecemento nunca deberon quedar subordinados a un exercicio de sectarismo político.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)