AD

Destacado

Entra en vigor a declaración de Santiago como zona de mercado residencial tensionada

today30 julio, 2026

Fondo
share close
AD

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou na súa edición deste mércores, 29 de xullo, a declaración de todo o municipio de Santiago de Compostela como zona de mercado residencial tensionada, que entra en vigor a partir de mañá día 30. Deste xeito, Santiago de Compostela convértese na segunda cidade galega con esta ferramenta en activo, ao mesmo tempo que cinco municipios asturianos (nalgúns casos non na súa totalidade) e un vasco. Xa son 9,3 millóns de persoas beneficiadas por esta medida no conxunto do Estado.

“Esta decisión permite contar cunha ferramenta moi importante para a veciñanza de Santiago para garantir unha vivenda digna, tendo un abano de medidas que permitirá facer de Compostela un concello mellor para vivir”, valorou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín Rei. Pola súa parte, o concelleiro de Urbanismo e Vivenda, Iago Lestegás, destacou que, coa publicación no BOE, este xoves entran en vigor as medidas de contención do prezo do alugueiro, as bonificacións de IRPF e Santiago accederá a axudas máis cuantiosas do Plan estatal de vivenda”. “Continuamos un camiño onde xa levamos traballado tamén noutros ámbitos, como o impulso necesario á vivenda protexida, e para aproveitar mellor o xa construído, impulsando a rehabilitación”, agregou a rexedora compostelá.

Medidas que entran en vigor

Con carácter xeral, a renda dos novos contratos non poderá exceder o prezo da última renda pactada para ese inmoble, coa actualización anual prevista no contrato anterior, agás no caso de que se realice algunha das actuacións de rehabilitación ou mellora previstas no artigo 17.6 da Lei de arrendamentos urbanos. Non se lle poderán repercutir ás novas persoas inquilinas cotas ou gastos non recollidos no anterior contrato.

Se o arrendador é gran posuidor ou se non houbo nos últimos cinco anos ningún contrato de arrendamento de vivenda nese inmoble, a renda pactada ao inicio do novo contrato non poderá exceder o valor máximo que establece o sistema de índices de prezos de referencia do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana.

Terán a consideración de grandes posuidoras, de acordo co establecido con carácter xeral no artigo 3.k da Lei polo dereito á vivenda, as persoas físicas ou xurídicas titulares de máis de dez inmobles urbanos de uso residencial ou dunha superficie construída de máis de 1.500 m2 de uso residencial, excluíndo garaxes e rochos. Tamén terán esa consideración as persoas físicas ou xurídicas titulares de cinco ou máis inmobles urbanos de uso residencial no municipio de Santiago, agás as administracións públicas, as entidades de dereito público vinculadas a elas ou as empresas públicas e mixtas.

Nos contratos de arrendamento de vivenda en vigor, unha vez finalizadas as prórrogas previstas con carácter xeral e previa solicitude, poderá prorrogarse extraordinariamente o contrato por prazos anuais, durante un máximo de tres anos e nas mesmas condicións, coas excepcións previstas no artigo 10.3 da Lei de arrendamentos urbanos.

Ademais, aplicaranse incentivos fiscais no IRPF previstos na lei para os arrendamentos de vivenda que cumpran determinadas condicións de prezo ou de perfil do arrendatario.

Santiago terá máis axudas do Plan estatal de vivenda

Alén das cuestións concretas sobre o aluguer, Santiago accederá a axudas máis cuantiosas en execución do Plan estatal de vivenda para o período 2026-2030, xa que moitas das axudas previstas neste Plan incrementan as cantidades en ZMRT.

Por exemplo, as axudas á promoción de vivenda pública en alugueiro serán de ata 1.000 €/m2 con carácter xeral e de 1.100 €/m2 en ZMRT. Mentres, as axudas para a adquisición de vivendas que se destinen ao alugueiro social serán de ata o 70% do prezo de adquisición con carácter xeral e ata o 85% en ZMRT.

Plan de medidas correctoras

En paralelo, o Concello aprobou en Xunta de Goberno Local o 1 de xuño deste ano o Plan de medidas correctoras, un plan cunha estratexia ampla, ambiciosa e integral para reducir os desequilibrios detectados no mercado residencial compostelán para os tres anos de vixencia da ZMRT (2026-2029) e inclúe tres programas diferenciados. Tamén incorpora unha calendarización e identifica indicadores para facilitar ao longo dos tres anos de vixencia a avaliación do seu cumprimento.

Programa A, inclúe medidas específicas para optimizar o uso do parque residencial existente, moitas delas xa en marcha. Inclúense aquí, por exemplo:

•        A limitación do uso turístico do parque residencial, que xa está producindo efectos como a redución dos pisos turísticos que baixaron á metade nos últimos dous anos.

•        O gravame fiscal ás vivendas baleiras con carácter permanente. Xa se modificou a ordenanza do IBI para aplicalo e estamos elaborando o censo que permitirá implantala.

•        Ou a esixencia do cumprimento dos deberes de conservación, rehabilitación e uso, coa inclusión de novos inmobles no Rexistro de soares en 2026 e súa saída a poxa pública en 2027.

programa B, destínase a ampliar o parque de vivenda protexida:

•        Medidas destinadas á creación dun parque municipal de vivenda en alugueiro, como os edificios da Caramoniña e outras actuacións que impulsaremos a través de diferentes fórmulas e aproveitando todas as ferramentas e os recursos dispoñibles, internos e externos.

•        Medidas destinadas a incorporar reservas de vivenda protexida no centro da cidade, como a modificación do planeamento no ámbito do antigo Peleteiro que aprobamos definitivamente en marzo e que establece a obriga de destinar polo menos o 45% da superficie total edificable, excluída a planta baixa, a vivenda protexida. (Pendente do proxecto de equidistribución que lle corresponde á propiedade)

•        Medidas para mobilizar solo para vivenda protexida, mediante a cesión de parcelas á Xunta de Galicia ou a constitución de dereitos de superficie sobre parcelas municipais para construír vivendas e utilizalas durante o período estipulado, con posterior reversión da parcela e da edificación ao Concello.

•        Medidas fiscais para incentivar a creación de vivendas protexidas, como as bonificacións xa incorporadas no IBI e no ICIO que xa se poden solicitar.

programa C, destinado a mellorar a eficiencia da administración. Algunhas das medidas incluídas neste programa xa están en marcha, como por exemplo:

•        A reestruturación e reorganización funcional dos servizos urbanísticos que xa se implementou en febreiro.

•        A supresión do requisito de depositar avais por posibles danos na vía pública nas solicitudes de licenza de obra con orzamentos inferiores a 100.000 €, agás nos casos obrigatorios por lei, e a simplificación da tramitación das licenzas de obra de mellora da envolvente dos edificios, ambas xa acordadas.

•        A actualización da ordenación urbanística de varios ámbitos de solo urbano non consolidado que non foron desenvolvidos ata agora, co obxectivo de facilitar o seu desenvolvemento. Está en marcha o traballo de identificación e análise deses ámbitos que permitirían incrementar a oferta de vivenda aproveitando os espazos intersticiais da cidade e contribuíndo a coser o tecido urbano de Santiago.

Servizo de asesoramento 

O Concello, a mediados de xuño, xa activou un servizo municipal de asesoramento en materia de aluqueiro, con citas presenciais, telefónicas e telemáticas, que se presta a través da entidade do terceiro sector Provivienda, os martes e venres en horario de 9.00 a 14.00 horas. Os venres prestarase en modalidade presencial na sede de Urbanismo, sita no número 8 da rúa das Casas Reais, e os martes prestarase por teléfono a través do número 671 941 127.

En caso de que o día de atención sexa festivo, a atención trasládase ao día laborable inmediatamente anterior. Habilitouse tamén un correo electrónico (aluga@santiagodecompostela.gal) para responder consultas e para solicitar cita para atención presencial.

Cuprimento das medidas

Santiago de Compostela cumpre o requisito, establecidos na Lei polo dereito á vivenda, do incremento do prezo do alugueiro nos últimos cinco anos superior en polo menos tres puntos porcentuais ao incremento do IPC. Concretamente, no caso de Santiago, duplica este indicador, xa que o incremento do prezo medio do alugueiro pasou do 40,26% entre 2019 e 2024, é dicir, de 444,4 euros en 2019 a 623,3 euros en 2024.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *