AD

Comarca

A ONCE presenta no Concello de Padrón o primeiro cupón dedicado á Festa do Pemento

today29 julio, 2026

Fondo
share close
AD

O sorteo deste sábado 1 de agosto porá en circulación cinco millóns e medio de boletos, levando a emblemática celebración padronesa por toda España

• Á presentación asistiron o alcalde de Padrón, Anxo Arca, e o director da ONCE en Santiago de Compostela, José Antonio Riveiro

• Anxo Arca destaca que esta iniciativa «contribúe a proxectar un dos sinais de identidade máis importantes do noso municipio»

Padrón.29-7-2026.- A Festa do Pemento de Herbón será protagonista en toda España da man da ONCE. Coincidindo coa celebración gastronómica padronesa, o cupón do sorteo deste sábado, 1 de agosto, estará dedicado a esta cita declarada de Interese Turístico de Galicia, cunha tirada de cinco millóns e medio de boletos que difundirán a imaxe do produto máis emblemático de Padrón por todo o territorio estatal.

A presentación oficial do cupón tivo lugar este mércores na Casa do Concello, nun acto no que participaron o alcalde de Padrón, Anxo Arca; o director da Axencia da ONCE en Santiago de Compostela, José Antonio Riveiro Canoso; a presidenta da Cooperativa A Pementeira, Milagros González Refojo; a promotora comercial da ONCE María Jesús Castro Suárez e as persoas traballadoras da ONCE Juan Carlos Couto, Ángela Sánchez Domínguez e Ángel Souto Cordo.

Durante o acto, Anxo Arca agradeceu á ONCE que «volva mirar cara a Padrón para dar a coñecer un dos nosos maiores símbolos gastronómicos e culturais». O rexedor destacou que «cinco millóns e medio de cupóns percorrerán España levando o nome de Herbón e de Padrón, contribuíndo a promocionar unha festa que cada ano reúne a milleiros de persoas arredor dun produto único e dunha tradición profundamente vencellada á nosa historia».

Pola súa banda, José Antonio Riveiro subliñou a satisfacción da ONCE por colaborar na difusión dunha celebración tan representativa de Galicia. «Queremos animar a toda España a coñecer e desfrutar da Festa do Pemento de Herbón, unha cita que pon en valor un produto de extraordinaria calidade e unha tradición moi arraigada», sinalou.

A presentación deste cupón conmemorativo serviu tamén para poñer en valor o labor dos vendedores e vendedoras da ONCE no municipio. Así, o Concello fixo un recoñecemento especial aos profesionais que desenvolven habitualmente o seu traballo en Padrón, como Pilar Mosquera e José Ramón Eiras —que venderán os cupóns o propio día da festa—, e David Vázquez Perol e Eliseo Rey Garrido, actualmente de vacacións e substituídos por Ángela e Ángel.

A Festa do Pemento, que se celebra desde 1978 na carballeira do convento franciscano, constitúe unha das citas gastronómicas máis importantes do calendario festivo galego. A parroquia de Herbón é a principal produtora dos recoñecidos pementos amparados pola Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pemento de Herbón, famosos dentro e fóra de Galicia polo coñecido dito popular: «Os pementos de Padrón, uns pican e outros non».

A segunda vez que a ONCE se une a unha festa en Padrón

Esta é a segunda ocasión na que a ONCE dedica un dos seus cupóns a unha das grandes celebracións de Padrón, despois de que en 2024 fixese o propio coas Festas da Pascua. Ademais, a organización tamén homenaxeou hai xusto unha década o municipio coincidindo co centenario do nacemento de Camilo José Cela, no ano 2016.

O Cupón Fin de Semana da ONCE ofrece cada sábado e domingo un premio principal de 300.000 euros, máis 5.000 euros ao mes durante 20 anos consecutivos, ademais doutros importantes premios.

Precisamente a fortuna sorriu recentemente a Padrón, xa que durante a pasada fin de semana das festas do Santiaguiño do Monte, este sorteo deixou no municipio máis de 1,6 millóns de euros en premios. Agora, coa imaxe da Festa do Pemento como protagonista do boleto deste sábado, a ONCE e o Concello agardan que a sorte volva facer parada na vila.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *