Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today31 julio, 2026
O rexedor repasou en Radio Líder Santiago os principais asuntos da actualidade municipal, desde o abastecemento de auga e a prevención de incendios ata os investimentos en infraestruturas deportivas, a colaboración coa Xunta e a Deputación e as incógnitas sobre o seu futuro político.
O alcalde de Brión, Pablo Lago, fixo un amplo balance da actualidade municipal durante unha entrevista en Radio Líder Santiago, na que abordou os principais proxectos en marcha, as necesidades do concello e os retos inmediatos. O rexedor destacou as actuacións realizadas para garantir o abastecemento de auga durante os meses de verán, reivindicou investimentos en infraestruturas deportivas e viarias e, ao mesmo tempo, evitou despexar a incógnita sobre se volverá presentarse ás próximas eleccións municipais.
No relativo ao abastecemento de auga, Lago explicou que o Concello actuou de maneira preventiva nas zonas máis sensibles da rede, especialmente na parroquia de Bastavales, onde nos últimos anos o crecemento urbanístico provocou problemas puntuais de presión. O alcalde asegurou que xa se executou un bypass para mellorar o caudal e insistiu en facer un chamamento á responsabilidade cidadá. «Garantizamos o subministro da auga», afirmou, ao tempo que apelou a facer «un uso responsable» e criticou os consumos fraudulentos ou o enchido de piscinas en momentos de maior demanda.
O rexedor tamén se referiu ao incendio rexistrado recentemente na zona limítrofe con Teo, destacando a rápida resposta dos medios de extinción. «Hai que agradecer o traballo dos medios, que estiveron enriba do incendio en moi pouco tempo», sinalou, ao tempo que puxo en valor o labor do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), un servizo que cualificou de esencial para un concello como Brión.
Un dos bloques centrais da entrevista centrouse nos investimentos deportivos. Lago mostrouse satisfeito pola sinatura do convenio coa Deputación da Coruña para executar actuacións longamente demandadas, aínda que recoñeceu que chegan con atraso. «Máis vale tarde que nunca», resumiu o alcalde, lembrando que tanto a ampliación do pavillón como a reforma do campo de fútbol eran necesidades históricas para atender o crecemento da práctica deportiva no municipio.
Segundo explicou, a actuación permitirá modernizar un campo existente con céspede artificial, iluminación, rego e novas prazas de aparcadoiro, mentres que a ampliación do pavillón ofrecerá un espazo complementario para actividades deportivas, escolares e culturais. «Vai permitir desenvolver moitas actividades que agora mesmo non teñen cabida», asegurou, destacando que o deporte base continúa medrando e que as instalacións municipais soportan unha elevada ocupación.
O alcalde aproveitou tamén para reclamar á Deputación o cumprimento doutros compromisos pendentes, especialmente a construción das beirarrúas entre Gronzo e Os Ánxeles, unha actuación que considera prioritaria para mellorar a seguridade viaria.»Levo demandando esta actuación desde hai seis anos e espero vela feita canto antes», afirmou.
En relación coa Xunta de Galicia, Pablo Lago explicou que continúa avanzando a creación dun itinerario peonil e ciclista entre Os Ánxeles e Bastavales, unha reivindicación histórica que considera fundamental para garantir desprazamentos seguros. Ademais, agradeceu o investimento autonómico destinado á renovación das redes de abastecemento e saneamento nos Ánxeles. «O importante non é só o que queda á vista; tamén o é todo o que vai por baixo», indicou, en referencia ás obras hidráulicas executadas.
Outro dos proxectos destacados é a renovación do alumeado público mediante tecnoloxía LED. Segundo explicou, arredor do 80 % das novas luminarias xa están instaladas e o obxectivo é rematar os traballos nos próximos meses. «Vai permitir un importante aforro enerxético e mellorar a seguridade dos veciños», sinalou.
Durante a conversa tamén houbo espazo para falar das políticas sociais. Lago destacou o éxito do programa de conciliación estival, no que participan 164 menores, así como a elevada aceptación das excursións organizadas para as persoas maiores. «A administración ten que estar ao carón das familias», defendeu, mentres subliñou que este tipo de iniciativas favorecen tanto a conciliación laboral como o envellecemento activo.
No ámbito político, o alcalde valorou positivamente a designación de Pedro Blanco como candidato socialista á Alcaldía de Santiago de Compostela, asegurando que é «unha persoa seria e comprometida» e facendo un chamamento á unidade interna do partido. Con todo, o momento máis esperado chegou cando foi preguntado polo seu propio futuro político. Lonxe de confirmar se repetirá como candidato, Lago mantivo o suspense. «Direino neste mesmo micrófono cando chegue o momento», respondeu.
Preguntado incluso pola forza política coa que podería concorrer, limitouse a responder cunha reflexión que alimenta as especulacións. «Os grandes xogadores xogan en diversos equipos e, sobre todo, nos mellores.» Aínda así, deixou clara a súa prioridade. «Eu farei calquera cousa que traia un gran de area para o noso concello. Todo o que pense que pode aportar unha mellora para Brión darei o paso para que así sexa.»
Mentres continúa sen desvelar o seu futuro electoral, Pablo Lago asegura que o seu obxectivo inmediato segue sendo completar os proxectos actualmente en execución e continuar mellorando os servizos públicos antes do remate da lexislatura.
Escrito por Líder Redacción




2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)