AD

Comarca

O Pino celebra por todo o alto os 25 anos da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar

today2 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

O Pino. 2-8-2026.- O Concello do Pino celebrou hoxe as vodas de prata da Festa do Galo Piñeiro e Mostra Cabalar cunha multitudinaria xornada na que veciñanza e visitantes compartiron gastronomía, artesanía, tradicións e espectáculos. A cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, conmemorou os seus 25 anos cun programa especial que confirmou o arraigamento desta celebración e a súa capacidade para atraer público de diferentes puntos de Galicia. Os mozos e mozas do Pino campións de Europa de fútbol gaélico as dúas últimas temporadas protagonizaron un emotivo pregón no que estableceron un paralelismo entre o fútbol gaélico e o galo piñeiro pola forza e a valentía que os caracterizan.

A xornada dominical comezou coa apertura da XXV Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira Vivas e da Mostra Cabalar. Desde primeira hora da mañá, o recinto festivo rexistrou unha constante afluencia de persoas interesadas nos exemplares avícolas e equinos, nas demostracións de oficios, na II Concentración de Coches Clásicos e Históricos e nas diferentes actividades programadas para todos os públicos.

O alcalde do Pino, Manuel Taboada, percorreu as distintas propostas acompañado pola delegada territorial da Xunta de Galicia, Belén do Campo; a secretaria xeral do Partido Popular de Galicia, Paula Prado; e Enrique Luis de Salvador, director do Instituto de Estudos do Territorio. Tamén asistiron Quique Salvador, director xeral de Estudo do Territorio da Consellería de Medio Ambiente; os alcaldes de Touro, Jesús Reboredo, e de Oroso, Álex Doval, ademais de representantes dos concellos de Santiago de Compostela, Frades e Rois. Manuel Taboada agradeceu a súa presenza e destacou a importancia dunha festa que, despois de vinte e cinco edicións, continúa estreitamente vinculada á identidade e á vida social do municipio.

Durante o percorrido pola VI Feira Artesanía no Camiño, de Artesanía de Galicia, a comitiva institucional coñeceu o traballo das artesás e artesáns participantes e asistiu ás demostracións de oficios tradicionais. Tamén degustou produtos de Artesanía Alimentaria de Galicia e as primeiras tapas de galo servidas durante a celebración.

Premios da Feira de Galos e Galiñas de Raza Piñeira

A entrega dos premios do certame avícola permitiu recoñecer os mellores exemplares presentados nesta edición. Lucas Magadán conseguiu o primeiro e o segundo premio na categoría de galiña de raza piñeira silvestre. Tamén obtivo o primeiro premio de galo de raza piñeira silvestre, seguido por Antonio Pose, e impúxose na categoría de galo de raza piñeira ancestral, na que Antonio Pose acadou o segundo posto.

Carmen Barral recibiu o primeiro premio de galiña de raza piñeira ancestral, con Antonio Pose en segunda posición. A criadora tamén conseguiu o primeiro premio de galo de raza piñeira branca, por diante de Benjamín Camino.

Carlos Magadán acadou o primeiro e o segundo premio na categoría de galiña de raza piñeira branca. Na modalidade de galo de curral, o primeiro premio foi para Daniel Rojo, mentres que Carmen Barral obtivo o segundo e Matías Miranda, o terceiro.

Un pregón para compartir o orgullo de ser do Pino

Un dos momentos máis especiais da xornada chegou co pregón das rapazas e dos rapaces do Pino que se proclamaron campións de Europa de fútbol gaélico nas dúas últimas temporadas. Os 18 integrantes dos equipos participaron no acto acompañados polo seu adestrador, David de la Torre.

Durante a súa intervención agradeceron a honra de protagonizar unha xornada tan significativa para o seu concello e achegaron ao público unha disciplina deportiva aínda pouco coñecida. Tamén estableceron un paralelismo entre o fútbol gaélico e o galo piñeiro pola forza e a valentía que os caracterizan.

Os pregoeiros reivindicaron a continuidade das tradicións e expresaron o orgullo de ser do Pino. Como mostra de agradecemento polo apoio recibido, entregáronlle ao alcalde, Manuel Taboada, unha camiseta asinada por todos os integrantes dos equipos.

O rexedor felicitounos polos éxitos acadados e salientou que representan un exemplo de compromiso colectivo para a mocidade do municipio. Manuel Taboada destacou tamén o simbolismo de que os protagonistas do pregón das vodas de prata fosen mozos e mozas do concello que levaron o nome do Pino a unha competición europea.

Máis de mil quilos de galo servidos

A gastronomía volveu ocupar un lugar central na festa. Ás 13.00 horas celebrouse a tradicional degustación gratuíta, na que o público puido probar as primeiras tapas de galo e outros produtos galegos.

Ás 15.00 horas comezou o xantar popular baixo a carpa instalada xunto á praza de Forcarei. Unhas 1.100 persoas participaron no encontro gastronómico, servido por Casa Taboada e cun menú no que o galo foi un dos principais protagonistas. Entre a degustación e o xantar popular servíronse máis de mil quilos deste produto.

Pola tarde continuaron as probas da Mostra Cabalar coa carreira de trotóns, a exhibición de enganche, a proba de arrastre e a entrega dos premios aos mellores exemplares. O programa incluíu tamén os galardóns especiais aos mellores movementos de Pura Raza Española e o Premio Faísca.

O espectáculo ecuestre Sin Límites, do prestixioso adestrador Santí Serra Camps, puxo o broche ás vodas de prata. A súa proposta de doma en liberdade, baseada na confianza e na conexión cos animais, converteuse nun dos momentos máis esperados dunha edición especialmente emotiva.

A celebración comezara o sábado pola noite coa representación de Quimera, da compañía Pablo Méndez Performance, á que asistiron máis de 300 persoas. As acrobacias aéreas, os malabares e a maxia abriron unha fin de semana coa que O Pino conmemorou os 25 anos dunha das súas citas máis representativas.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *