Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O Goberno municipal de Padrón fixo balance do curso político, destacando a execución de diversos proxectos orientados á mellora das infraestruturas, dos servizos públicos e dos espazos urbanos do municipio. Segundo o executivo local, o último ano estivo marcado pola posta en marcha de actuacións destinadas a dar resposta a demandas históricas da veciñanza e a impulsar o desenvolvemento do concello.
Entre as actuacións máis destacadas figura a renovación do firme da estrada nacional N-550 ao seu paso por Padrón, unha intervención desenvolvida en colaboración co Goberno de España que permitiu substituír boa parte da capa de rodadura deteriorada e renovar a sinalización horizontal da vía.
O executivo municipal sinala tamén que continúa traballando para facer realidade a reurbanización da N-550 ata A Ponte, unha actuación que considera unha reivindicación histórica do municipio.
No ámbito das obras e dos servizos públicos, o Concello pon en valor os investimentos realizados co apoio da Deputación da Coruña e con fondos propios. Estas actuacións permitiron pavimentar estradas en distintas parroquias, mellorar rúas do núcleo urbano e renovar as redes de saneamento e abastecemento de auga.
Entre as intervencións desenvolvidas durante o último ano destaca a creación dun novo xardín urbano na praza de Ramón Tojo, así como a renovación das tubaxes de abastecemento e saneamento na rúa Pérsico, co obxectivo de solucionar os problemas que viña padecendo esta zona.
Outro dos proxectos máis relevantes é a rehabilitación integral da escola infantil municipal, considerada polo Goberno local unha das actuacións de maior envergadura do mandato. As obras avanzan a bo ritmo coa previsión de dotar a Padrón dun centro educativo completamente renovado.
En materia de abastecemento, o Concello destaca que a nova estación de bombeo construída en Tarrío permitiu resolver os problemas históricos de presión e subministración de auga potable que afectaban aos núcleos de Prada, Areal e A Picaraña.
O balance inclúe tamén a renovación de espazos públicos destinados ao lecer e á práctica deportiva. Entre eles sobrancea a nova pista de baloncesto 3×3 do parque Antonia Ferrín, creada especialmente para ofrecer un novo espazo de encontro e actividade á mocidade.
No ámbito turístico, o Goberno municipal reafirma a súa aposta por seguir reforzando a proxección exterior de Padrón como destino, convencido de que un turismo de calidade constitúe un factor clave para o desenvolvemento económico e social do municipio.
De cara ao novo curso político, o executivo manifesta a súa intención de continuar coa liña de traballo desenvolvida durante o último ano, impulsando novos proxectos e consolidando as actuacións actualmente en marcha co obxectivo de seguir mellorando a calidade de vida da veciñanza.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)