Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 agosto, 2026
• O líder popular advirte de que os atrasos obrigan a autónomos e pequenas empresas a financiar durante meses ao goberno municipal co seu propio diñeiro.
• “Detrás de cada factura hai empresas, empregos e persoas que fixeron o seu traballo e teñen dereito a cobrar en prazo”.
O líder do Partido Popular de Santiago, Borja Verea, reivindicou o seu compromiso de situar o período medio de pago a provedores por debaixo dos 20 días, despois de coñecerse que o goberno municipal tarda actualmente 112 días de media en pagar as súas facturas.
Verea considera que este dato volve poñer de manifesto un problema de funcionamento e de xestión do goberno municipal que ten consecuencias directas sobre autónomos, pequenas e medianas empresas e profesionais que prestan servizos á administración municipal.
“Non estamos falando simplemente dunha cifra ou dun indicador administrativo. Estamos falando de persoas que fan un traballo, que teñen nóminas, impostos e gastos que pagar e que poden ter que esperar case catro meses para cobrar”, sinalou.
O líder popular advertiu de que os problemas de xestión do goberno municipal non poden trasladarse a quen traballa para a administración. “Un autónomo ou unha pequena empresa non pode converterse no banco do goberno municipal. Pagar en prazo é unha obriga, pero tamén é unha cuestión de respecto por quen traballa, emprende e crea emprego na nosa cidade”, afirmou.
Verea xa advertira a finais de xuño, cando se coñeceu que o goberno municipal tería que recorrer ao mecanismo extraordinario habilitado polo Estado para facer fronte a millóns de euros en facturas pendentes, de que cando unha administración tarda meses en pagar son os autónomos e as pemes os que acaban financiándoa. Esa era precisamente unha das ideas centrais da proposta presentada entón.
Fronte a esta situación, lembrou o seu compromiso de reducir o período medio de pago en 30 días durante o primeiro ano de mandato e situalo por debaixo dos 20 días a partir do segundo. Para conseguilo, propón reorganizar o funcionamento interno do Concello, reducir burocracia, mellorar a coordinación entre departamentos, simplificar os procedementos e establecer un seguimento permanente das facturas pendentes.
“Se o goberno municipal esixe aos cidadáns que paguen os seus impostos e cumpran as súas obrigas en prazo, ten que ser o primeiro en dar exemplo. Queremos un Concello serio, áxil e puntual, que respecte tamén o tempo e o diñeiro da xente”, incidiu.
Para Verea, baixar dos actuais 112 días aos menos de 20 que propón non é unha cuestión de incrementar o gasto público, senón de cambiar a forma de xestionar. “Isto non vai de gastar máis. Vai de xestionar mellor. E de entender que detrás de cada factura hai empresas, autónomos, empregos e persoas que teñen dereito a cobrar cando lles corresponde”, tal e como xa defendeu ao presentar o seu plan.
Propostas para facerlle a vida máis fácil á xente
Verea enmarca este compromiso nun modelo de Concello pensado para facilitar o día a día dos composteláns. Nos últimos meses presentou propostas como incorporar Bizum para o pago de taxas, actividades e servizos municipais, co obxectivo de simplificar a relación dos cidadáns coa administración.
A esta iniciativa súmase o paquete de medidas dirixidas ás familias, con propostas como a Parada Familiar e unha bolsa de horas gratuítas de zona azul, a xestión municipal das actividades extraescolares, un servizo municipal de canguraxe para imprevistos, tres semanas en Irlanda para alumnado de 3º da ESO e unha rede ampliada de campamentos de verán.
Tamén propuxo a creación da Casa das Familias, como espazo municipal gratuíto de apoio, orientación e acompañamento ás familias, así como avanzar cara a unha rede de cociñas propias nos colexios públicos.
“Todas estas propostas parten dunha mesma idea: que o Concello deixe de complicarlle a vida á xente e empece a facerlla máis fácil. Ese é o cambio que queremos para Santiago”, concluíu.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)