Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today6 agosto, 2026
A vila ofrecerá do 7 ao 9 de agosto máis de medio cento de actividades, descontos en 19 comercios e un sorteo de 1.500 euros en premios. En Radio Líder Santiago, o tenente de alcalde e concelleiro da Área Económica, Xosé Igrexas, repasa as claves destas dúas citas.
Melide vivirá do 7 ao 9 de agosto unha das fins de semana con maior actividade do verán coa celebración do Mercado Medieval e dunha nova edición do Mercamelide na Rúa. Ambas iniciativas volverán compartir protagonismo para dinamizar a vila, atraer visitantes e apoiar o comercio de proximidade. Así o explicou en Radio Líder Santiago o tenente de alcalde e concelleiro da Área Económica, Xosé Igrexas, quen destacou que ambas propostas «abarcan dous aspectos diferentes» e permiten reforzar tanto a actividade económica como o atractivo da vila.
O responsable municipal puxo especialmente o foco no significado do Mercado Medieval, unha celebración que, segundo explicou, permite lembrar e poñer en valor o importante papel que desempeñou Melide durante a Idade Media. Como exemplo, lembrou a Asemblea de Melide, celebrada a comezos do século XVI, cando a nobreza galega se reuniu na vila para reclamar ao rei Carlos I de España e V de Alemaña a recuperación do voto nas Cortes. Ao seu xuízo, esta cita tamén acompaña o traballo que se está a realizar para recuperar e revitalizar o casco antigo. «O Mercado Medieval é unha reminiscencia da importante historia e cultura que tivemos ao longo da Idade Media», asegurou.
A programación reunirá máis de medio cento de actividades repartidas ao longo de tres días. O Mercado Medieval abrirá as súas portas o venres 7 de agosto ás 19.00 horas, cando o centro histórico comezará a encherse de personaxes medievais, música e animación itinerante. A primeira xornada incluirá as intervencións de Bufón Vermello, as danzas medievais, o espectáculo ‘Nazareth, a meniña do lume’ e rematará con ‘Cazadores de Dragóns’, un espectáculo nocturno de lume e malabares.
O sábado, o mercado e o espazo infantil abrirán ás 11.00 horas. Durante a mañá haberá pasarrúas, actuacións de rúa e outros espectáculos, mentres que pola tarde o mercado reabrirá ás 19.00 horas e o espazo infantil ás 19.30. A programación continuará con gaitas, fanfarras, tambores, teatro, música e animación, antes dunha nova representación de ‘Cazadores de Dragóns’, que volverá ser o momento máis destacado da noite. O domingo, tanto o mercado como o espazo infantil abrirán de novo ás 11.00 horas e retomarán a súa actividade pola tarde desde as 18.30, antes do pasarrúas final das 21.45 horas, no que participarán todas as compañías. Durante toda a fin de semana permanecerán tamén abertos o espazo infantil con xogos tradicionais e atraccións, así como a exposición de antigos oficios.
Igrexas salientou tamén a variedade da programación e destacou como principal novidade o espectáculo nocturno arredor dun dragón xigante, con lume e efectos visuais, que poderá verse tanto o venres como o sábado. «É unha programación moi variada, moi completa», resumiu, ao tempo que animou á cidadanía a achegarse a Melide para vivir «un fin de semana moi interesante».
Coincidindo co Mercado Medieval celebrarase unha nova edición do Mercamelide na Rúa, organizado pola Asociación de Empresarias e Empresarios da Terra de Melide (ASETEM), en colaboración co Concello. A campaña contará con 19 comercios participantes, que sacarán os seus produtos ao exterior dos establecementos con descontos especiais e estarán identificados para facilitar o percorrido da clientela. O Concello colabora tamén cun sorteo de 1.500 euros en vales de compra, que se celebrará o 11 de agosto. Repartiranse cinco premios de 100 euros e vinte de 50 euros, que poderán gastarse nos propios establecementos participantes ata o 21 de agosto. Ademais, os comercios asociados repartirán rascas con agasallos promocionais.
O concelleiro puxo en valor a fortaleza do tecido comercial melidense e a variedade de sectores que participan nesta campaña, desde moda e calzado ata electrodomésticos, floristerías, artigos deportivos ou establecementos especializados. «Temos un sector comercial moi variado e importante e, por tanto, aquí podes mercar todo o que desexes», afirmou.
Para Igrexas, a coincidencia destas dúas citas responde a unha estratexia clara. Por unha banda, explicou, o Mercamelide na Rúa constitúe unha acción de apoio ao comercio de proximidade. Pola outra, convértese nun escaparate para dar a coñecer a oferta comercial da vila ás numerosas persoas que pasan por Melide nestas datas, entre elas peregrinos dos Camiños Francés e Primitivo, turistas, emigrantes e visitantes. «Ter engalanadas as rúas e promocionar o comercio danos esa visión para que a xente coñeza o que temos e queira volver», sinalou.
Como peche, Igrexas animou á veciñanza, aos visitantes e ás persoas que regresan á vila durante o verán a achegarse a Melide para vivir estas dúas grandes citas. «Non hai escusa para non achegarse a Melide esta fin de semana, porque podes atopar lecer, comercio e, por suposto, gastronomía», concluíu.
Escrito por Líder Redacción
melide Mercado Medieval Melide mercamelide Mercamelide na Rúa xose igrexas Xosé Igrexas Melide


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)