Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
Marta Abal denuncia que o Goberno de Sanmartín informou dos ingresos recadados nunha rolda de prensa en lugar de facelo no órgano de participación creado para ese fin.
A concelleira socialista reclama que o Foro se reúna canto antes para coñecer o destino dos fondos xa recadados e decidir, coa participación do sector, as actuacións que se financiarán ata final de ano.
Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista, Marta Abal, esixiu ao Goberno de Goretti Sanmartín que convoque con carácter urxente o Foro de Turismo Sustentable para dar conta dos ingresos obtidos coa taxa turística e decidir, de maneira participada, o destino dos fondos xa recadados e dos que está previsto ingresar nos vindeiros meses.
Abal advertiu de que, “tras coñecer o contido das declaracións” da concelleira de Capital Cultural e Turismo, o Grupo Municipal Socialista “vese na obriga, unha vez máis, de denunciar a falta de transparencia do Goberno do BNG na xestión destes recursos”. A edil socialista reaccionou así despois de que o Concello informase de que ingresou 1.759.452,71 euros desde a entrada en vigor da taxa turística ata o pasado 30 de xuño.
A concelleira socialista insistiu en que “é no ámbito do Foro, e non nunha rolda de prensa”, onde o Goberno municipal debe “informar en primeiro lugar dos ingresos obtidos, dos gastos realizados, dos fondos comprometidos e das actuacións previstas”. Ao seu xuízo, ese órgano foi creado precisamente para garantir a participación dos sectores implicados e a transparencia na xestión da taxa, polo que considera que esa información debía terse trasladado alí antes de facerse pública.
Neste sentido, Abal considera “especialmente preocupante que esta información non se trasladase na sesión constitutiva do Foro”, celebrada o pasado 29 de xullo. Segundo lembrou, naquela reunión o Goberno xa debía “dar conta dos ingresos liquidados ata xuño de 2026, dos gastos efectuados e das propostas de actuación para os próximos meses”, cuestións sobre as que non se facilitou ningunha información.
Por este motivo, a concelleira reclamou “a convocatoria inmediata do Foro” para “presentar toda a información económica, aclarar o destino dos fondos xa comprometidos e decidir, coa participación dos sectores implicados, as actuacións que se financiarán de aquí a final de ano”. Para o Grupo Municipal Socialista, esa é a única forma de garantir que os recursos obtidos coa taxa turística respondan a criterios coñecidos e compartidos.
Finalmente, Abal advertiu de que “non podemos permitir que a taxa turística se converta nun fondo que o Goberno municipal xestione de maneira discrecional e sen render contas”. Neste sentido, subliñou que “os sectores implicados como a cidadanía teñen dereito a saber canto se recada, en que se gasta, que cantidades están comprometidas e con que criterios se decide o destino destes recursos”, e instou ao Goberno de Sanmartín a actuar con “transparencia” e “participación” na xestión dun instrumento que afecta directamente ao futuro do turismo da cidade.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)