AD

Actualidad

Santiago licita o Servizo de Axuda no Fogar por 14,5 millóns de euros

today14 agosto, 2026

Fondo
share close
AD

O Concello de Santiago destinará 14,5 millóns de euros ao Servizo de Axuda no Fogar nos próximos dous anos. Ese é o orzamento previsto no procedemento de licitación que vén de aprobar a Xunta de Goberno, e do que hoxe deu conta a concelleira de Dereitos e Servizos Sociais. María Rozas salientou que “o presuposto anual destinado a este servizo medrará un 100% con respecto ao anterior mandato, cunha clara vontade de mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas maiores ou dependentes e de facilitar a súa permanencia no seu domicilio habitual, ao tempo que procuramos protexer os dereitos laborais das traballadoras do SAF”.

A Xunta de Goberno aprobou o inicio do procedemento de licitación do Servizo de Axuda no Fogar, por un prazo de dous anos prorrogable como máximo ata un ano máis, e cun orzamento total de 14.548.763,32 eurosDesta maneira, o presuposto anual do servizo será de 7,2 millóns de euros, o que supón un incremento de máis do 14% con respecto á licitación aprobada en 2024, e do 100% con respecto ao contrato que estaba en vigor ao comezo deste mandato municipal. O prezo por hora de servizo sitúase en 27,01 euros, IVE incluído, fronte aos 23,62 euros/hora do contrato en vigor. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais explicou que “este incremento do prezo/hora non repercutirá de ningún modo no copago que realizan as usuarias, que fica conxelado, mais sí debera repercutir na achega que fai a Xunta para o financiamento do servizo, que segue sendo claramente insuficiente”. En canto ao número de horas de servizo previstas, increméntanse en 10.000 horas anuais con respecto ao recollido nos pregos da última licitación, e en case 100.000 horas con respecto ao anterior mandato, ata achegarse ás 270.000.

Reforzo da coordinación do servizo

Na nova licitación do SAF introducíronse algunhas modificacións no que ten que ver cos recursos humanos ligados ao contrato, co obxectivo de lograr unha atención de maior calidade ás persoas usuarias. Unha das principais novidades ten que ver co persoal de coordinación. Na nova licitación establécese a obriga de contar con unha profesional por cada 75 persoas usuarias do servizo. Desta maneira, explicou María Rozas, “melloramos a ratio do contrato en vigor, pero tamén superamos os requisitos recollidos na Orde de 22 de xaneiro de 2009 da Xunta de Galicia pola que se regula o Servizo de Axuda no Fogar e que fala dunha coordinadora por cada 100 persoas usuarias”.

Ao tempo, os pregos recollen a obriga de contar con dúas persoas que exerzan as funcións de responsable de coordinación, que na anterior licitación recaían nun único profesional. Esas persoas responsables de coordinación contarán cunha titulación universitaria na área de servizos sociais (Traballo Social, Educación Social ou Psicoloxía) e deberán acreditar unha experiencia mínima de dous anos no desempeño de funcións de coordinación ou dirección técnica en servizos de axuda no fogar ou noutros servizos de atención domiciliaria, residencial, ou servizos sociais comunitarios.

Integración social e melloras técnicas

Outra das novidades da licitación é a incorporación aos pregos dunha nova figura no cadro de persoal do servizo, a da integradora social. A concelleira de Dereitos Sociais explicou que na actualidade o SAF de Santiago conta con esta profesional a xornada parcial, “porque foi unha mellora ofertada pola empresa que resultou adxudicataria na anterior licitación, á que agora lle daremos estabilidade contemplando ademais que sexa unha traballadora a xornada completa”. María Rozas explicou que o obxectivo é “actuar desde o SAF na prevención das situacións de illamento social e soidade non desexada, na promoción da participación das usuarias na vida comunitaria e no fortalecemento das redes de apoio para mater a súa autonomía persoal”. Así, esta profesional realizará actuacións de acompañamento social para favorecer o benestar emocional as usuarias do Servizo de Axuda no Fogar, desenvolverá actividades de carácter socioeducativo para o reforzo da autonomía persoal, e encargarase da dinamización de actividades tanto individuais como grupais para promover a participación, a convivencia e a creación de vínculos entre as persoas usuarias do servizo.

Doutra banda, outra das melloras incorporadas aos pregos é o incremento do orzamento destinado a axudas técnicas, que pasa de 13.000 a 80.000 euros. Trátase da partida detinada a ferramentas como asentos xiratorios para os baños, cadeiras para a ducha, camas articuladas, guindastres con arnés ou axudas para o apoio á mobilización. Tal e como explicou María Rozas, “estas axudas técnicas repercuten directamente na calidade da atención que reciben as persoas usuarias, benefician tamén aos seus familiares, e facilitan o traballo das auxiliares do SAF”.

Un servizo en evolución

No ano pasado, o SAF sumou máis de 800 usuarios e usuarias, a cifra máis alta da historia do servizo, e achegouse ás 1.900 persoas beneficiarias directas e indirectas. María Rozas salientou que “o Servizo de Axuda no Fogar é un dos que máis ten mudado nos últimos anos e no que o Concello está a facer un maior esforzo para atender unha demanda que vai en aumento”. Nese sentido, a concelleira lembrou que “hai só 10 anos, o SAF tiña en Santiago 180 persoas usuarias, prestábanse pouco máis de 53.000 horas de atención e o servizo custaba 1 millón de euros anuais”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *