Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 agosto, 2026
O Partido Popular de Santiago reclama unha renovación integral do cemiterio municipal de Boisaca para recuperar a dignidade deste espazo e solucionar as deficiencias que presenta na actualidade. O recinto, o maior espazo funerario da capital de Galicia, precisa de actuacións de maior calado para mellorar tanto o seu mantemento como a accesibilidade, a sinalización e o estado xeral das instalacións.
As concelleiras populares María Baleato e Olaya Otero visitaron o cemiterio para comprobar in situ a situación do recinto. Baleato lembrou que xa reclamou “en varias ocasións” diferentes melloras que continúan sendo necesarias, especialmente “na sinalización e numeración dos nichos e na reparación dos pasos interiores entre sepulturas en terra”.
A concelleira explicou que o contrato de conservación e mantemento do cemiterio municipal foi prorrogado ata o 31 de maio de 2026 mediante unha orde de continuidade. Entre as obrigas recollidas no contrato atópanse o mantemento e conservación dos bloques de nichos, a retirada de vexetación e malas herbas, a limpeza e reparación de cubertas e os labores de ordenación do cemiterio, incluída a numeración de sepulturas e nichos de acordo coas directrices municipais.
Por este motivo, Baleato considera que “a imaxe global do cemiterio municipal debería ser mellor”. Aínda que recoñece que se realizaron algunhas actuacións, sostén que “non son suficientes” para un espazo “moi respectado e querido pola veciñanza compostelá”, polo que reclama reformas de maior calado.
Un dos principais problemas detectados é a sinalización. Segundo explicou a concelleira popular, “resulta completamente imposible atopar un nicho ou unha sepultura dun xeito sinxelo”, debido a que a numeración existente “non é correlativa nin responde a unha orde coherente”. Por iso, o PP reclama ao goberno municipal que acometa unha reorganización da sinalización e da numeración que facilite a orientación das persoas usuarias dentro do recinto.
Os populares tamén consideran prioritario acondicionar os pasos interiores entre as sepulturas en terra. Baleato advertiu de que algúns se atopan “en moi malas condicións”, dificultando o acceso e provocando “o conseguinte risco de caídas”, especialmente para persoas maiores ou con problemas de mobilidade.
A estas deficiencias súmanse, segundo o PP, as queixas frecuentes das persoas usuarias polo estado do ornato e polo mantemento das instalacións, especialmente nas zonas laterais do recinto. Os populares denuncian tamén a presenza continuada de malas herbas nas inmediacións de nichos e sepulturas, unha situación que consideran incompatible co coidado que require un espazo destas características.
Para o Partido Popular, Boisaca merece unha actuación integral que vaia máis alá de intervencións puntuais. A formación comprométese a impulsar unha renovación completa do cemiterio municipal para “adecualo e dignificalo”, mellorando a sinalización, os accesos e pasos interiores, o mantemento e a conservación xeral dun espazo de especial significado para a veciñanza de Santiago.
Escrito por Líder Redacción
boisaca cemiterio partido popular (PP) Santiago de Compostela


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)