Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today28 agosto, 2026
Marta Abal comparte a preocupación da comunidade educativa polas modificacións previstas nas rúas Rodas e Valle-Inclán e reclama ao Goberno local que publique os informes técnicos que sustentan a proposta.
A concelleira socialista advirte do risco de empeorar a seguridade e a mobilidade na contorna e pide que calquera decisión sexa dialogada coa comunidade educativa, o comercio e a veciñanza.
Santiago de Compostela, 28 de agosto de 2026. A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal trasladou a preocupación das e dos socialistas polos cambios de mobilidade previstos na contorna das rúas Rodas e Valle-Inclán, unha inquietude compartida coa comunidade educativa de La Salle. “Entendemos e compartimos a preocupación manifestada pola comunidade educativa” ante unha proposta que, segundo advertiu, debe contar con garantías suficientes antes de poñerse en marcha.
Para Abal, “calquera alternativa de mobilidade debe estar respaldada por informes técnicos sólidos”, pero tamén ser “explicada con transparencia” e, sobre todo, estar “consensuada coas persoas e colectivos directamente afectados”. Por iso, reclamou ao Goberno local que “faga públicos os informes técnicos que sustentan a solución proposta” e explique á cidadanía “con claridade as razóns que a xustifican”.
A concelleira socialista considera especialmente necesario coñecer esa fundamentación porque, tal e como está formulada, “de entrada, a medida xera serias dúbidas” e existe, advertiu, “o risco evidente de que acabe empeorando a situación actual”, tanto en materia de “seguridade, mobilidade e convivencia na contorna educativa”.
Neste escenario, Abal pediu ao Goberno de Goretti Sanmartín que non avance cunha decisión xa tomada para explicala despois. As e os socialistas reclaman que “non se adopten decisións, aínda que sexa con carácter provisional, sen escoitar previamente aos principais afectados polo cambio proposto”, incorporando ao diálogo “a comunidade educativa, o comercio e a veciñanza da zona” e buscando así “o maior consenso posible”.
Abal enmarcou ademais esta situación nun problema máis amplo sobre a forma na que o Goberno local está abordando a mobilidade. Santiago, defendeu, “non pode resolverse con parches improvisados nin con actuacións illadas”, senón que precisa “unha solución integral e integrada”, construída con criterios técnicos e “planificada con visión de cidade”.
Para a concelleira socialista, esa planificación debe ir necesariamente acompañada do diálogo, de maneira que as decisións que condicionan a mobilidade e a seguridade da cidadanía sexan tomadas con rigor e contando con quen sofre directamente as súas consecuencias. A alternativa, concluíu, debe estar “baseada en criterios técnicos” e ser “dialogada cos sectores afectados”.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)