Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today16 octubre, 2026
A AECC reunirá a sociedade compostelá na Cidade da Cultura o 23 de outubro nun encontro con gastronomía galega, música e recadación para manter os seus servizos gratuítos a pacientes e familiares.
A Asociación Española contra o Cancro en Santiago quere converter o próximo 23 de outubro nunha noite de encontro e compromiso. A entidade prepara no Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, unha Noite Solidaria coa que recuperar unha convocatoria que levaba anos sen celebrarse e recadar fondos para a atención a pacientes e familiares. «É moito máis que unha cea, é un encontro solidario», explicou o seu presidente en Santiago, Xoán Miguel Concheiro, nunha entrevista en Radio Líder Santiago.
A proposta chega despois da resposta cidadá á última andaina solidaria, que, segundo indicou Concheiro, superou as 1.200 persoas participantes. «A cidadanía compostelá e da súa comarca sempre demostra a súa solidariedade», agradeceu. Ese apoio é o que a nova xunta directiva aspira a trasladar agora a unha velada que combinará a recadación coa promoción da alimentación saudable e dos produtos galegos de calidade.
As portas abrirán ás oito da tarde, unha hora antes da referencia inicial das nove, para facilitar a chegada dos asistentes e iniciar o percorrido gastronómico. A benvida incluirá dúas estacións atendidas por profesionais da cociña, sumilleres e persoas coñecedoras da calidade alimentaria galega. Despois chegará a cea, con carnes, peixes das rías e sobremesas. O programa completarase con música, entretemento e sorpresas.
Concheiro destacou a colaboración das consellerías do Medio Rural e do Mar nun encontro que dará protagonismo aos produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida, á produción ecolóxica, á artesanía alimentaria e aos produtos do mar. «Queremos que sexa unha noite de alegría», sinalou, na que compartir tempo con amizades e familias arredor dunha causa común.
O presidente pediu que as inscricións se formalicen canto antes para facilitar a organización dunha cita que require un importante despregamento loxístico. A información está dispoñible na web e nas redes sociais da asociación, con distintas modalidades de pagamento e a posibilidade de acudir presencialmente á súa sede da avenida de Barcelona e aos establecementos colaboradores.
A convocatoria enmárcase no mes de sensibilización sobre o cancro de mama e servirá tamén para dar visibilidade ao traballo diario da entidade. Concheiro reivindicou unha atención «integral e humanizada» que abrangue o apoio psicolóxico e social, a fisioterapia, a nutrición ou a logopedia, segundo as necesidades de cada persoa. «O cancro vai máis alá da saúde», lembrou, ao referirse tamén ás consecuencias sociais e económicas da enfermidade.
A investigación constitúe outro dos destinos do apoio da asociación. Segundo detallou, a entidade ten cinco millóns de euros comprometidos en proxectos na provincia da Coruña e tres investigacións sobre cancro de mama en Santiago con máis de 400.000 euros de financiamento.
Concheiro insistiu, ademais, en que os servizos e as actividades para pacientes e familiares son gratuítos e non esixen pertencer á asociación. «A ninguén se lle pide ningún tipo de carné cando entra na nosa casa», recalcou. A Noite Solidaria busca contribuír a manter esa porta aberta.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)