Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today9 agosto, 2025
A Asociación do Festival Rock in Rian, que se celebrará os días 5 e 6 de setembro, vén de denunciar publicamente un furto nas súas instalacións, situadas na planta baixa da antiga Casa do Mar de Rianxo. Segundo informou a entidade a través dun comunicado oficial, os feitos supuxeron a perda de material fundamental para a organización do festival.
Entre o sustraído atópase “material eléctrico, de iluminación e de son adquirido pola asociación durante anos”, así como diversos elementos da cantina: “mesas encartables, cubiteiras ou mesmo as botellas de sabores que empregamos cando preparamos os nosos ‘mojitos’”. A asociación estima que o valor do material roubado ascende a uns 2.000 euros, o que cualifican como “un duro golpe” para un proxecto “asociativo e sen fins lucrativos” que ten como obxectivo “o desenvolvemento cultural de Rianxo”.
No mesmo comunicado, denuncian a falta de respecto que o suceso evidencia: “Salta á vista que nalgunhas mentes, a solidariedade e o respecto polo traballo doutras persoas, brilla pola súa ausencia”.
A pesar do acontecido, desde Rock in Rian aseguran que seguirán adiante co seu traballo: “Seguiremos traballando arreo, contra toda esa xente mesquiña e ruín, para que a nosa vila teña a vida cultural que se merece”.
O comunicado remata cunha mensaxe de esperanza e compromiso coa cultura local: “Coma sempre, vémonos nos torreiros. Longa vida ao Rock in Rian!”
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)