AD

Actualidad

A Banda Bacana actuará o 14 de xullo na XVIII Festa do Chourizo ao Viño en Ortoño

today2 julio, 2024

Fondo
share close
AD

Un ano máis realizarase a degustación de orella cocida e de chourizos ao viño con cachelos

A xornada rematará coa actuación do grupo “Banda Bacana”, financiada polo Concello de Ames a través do programa Cultura no Camiño 2024

Esta agrupación trae un espectáculo no que os ritmos afrolatinos se mesturan coas letras de poetisas galegas, portuguesas e iberoamericanas

Ames, 2 de xullo de 2024.– Unha nova edición da Festa do chourizo ao viño, organizada pola Asociación Gastronómica, Recreativa e Cultural do Chourizo ao viño da parroquia de Ortoño, terá lugar o vindeiro domingo 14 de xullo. Un ano máis realizarase a degustación de orella cocida e de chourizos ao viño con cachelos. Nesta ocasión, ademais, amenizará o xantar a banda de gaitas e de baile rexional Os Castros. Ademais, realizarase un campionato de chave por parellas e haberá inchables gratuítos para os nenos e nenas. A xornada rematará coa actuación do grupo “Banda Bacana”, financiada polo Concello de Ames a través do programa Cultura no Camiño 2024.

Arredor de 1000 racións de chourizo e 800 de orella serán servidas na XVIII edición da Festa do chourizo ao viño, que se celebrará o domingo 14 de xullo. Os tiques para participar na festa, un dos eventos gastronómicos de maior tradición no concello, venderanse no campo da festa de Ortoño, onde se realizará o evento. Ademais do xantar, a festa inclúe unha tarde chea de música e de opcións para que os máis cativos e cativas tamén poidan gozar.

Degustación de chourizo e orella

A xornada dará comezo ás 12:00 horas, coa celebración dunha misa cantada polos defuntos da parroquia. Unha vez rematada a eucaristía, a partir das 13:00 horas, comezará a degustación dos chourizos ao viño e da orella de porco, para a que se instalará unha carpa. As racións poderanse comer acompañadas por viño do Ribeiro. Haberá tamén café e xeado.

As racións venderanse a prezos populares. Así, a tarteira con chourizos, pan, viño, café e xeado custará 13 euros, mentres que o prato de orella, o pan e o viño custará 6 euros.

Actuacións musicais e concurso de chave por parellas

Durante o xantar contarase coa actuación da banda de gaitas e baile rexional Os Castros, e coa dos mariachis Sol de Galicia acompañados do vocalista Miguel Torres.

Tamén terá lugar, a partir das 16:00 horas, o XVII Campionato de Chave por Parellas. Todas aquelas persoas que desexen participar poderanse inscribir no propio día, ata as 15:30 horas. Os/as gañadores/as recibirán uns trofeos doados polo Concello de Ames, ademais doutras sorpresas.

Por outra banda, para entreter aos nenos e nenas, instalaranse inchables gratuítos, cedidos á organización por Tikolandia.

Xa cara o final da xornada, ás 19:30 horas, os asistentes poderán gozar dunha actuación do grupo “Banda Bacana”, financiada polo Concello de Ames a través do programa Cultura no Camiño 2024. Esta agrupación trae un espectáculo no que os ritmos afrolatinos se mesturan coas letras de poetisas galegas, portuguesas e iberoamericanas, fusionando así as culturas de aquí e alén do Atlántico.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%