Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
O secretario xeral do PSdeG clausura o Congreso Extraordinario no que se aprobou unha nova Executiva paritaria con Luis Ángel Lago Lage como novo secretario de Organización e Ana Pena como adxunta
Óscar Puente sinala que Feijóo está detrás da campaña deseñada para socavar a vida persoal de Sánchez con “bulos, difamacións e calumnias” que ensaiou nos últimos 15 anos en Galicia
O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou hoxe a “reactivar” ao PSdeG cunha estratexia baseada na “unidade de acción” e cun proxecto autónomo que o sitúe con opcións de recuperar o goberno galego. Besteiro clausurou o Congreso Extraordinario que rematou o proceso de relevo no partido e no que tamén interveu o ministro de Transportes, Óscar Puente.
O líder dos socialistas galegos reivindicou un PSdeG “coherente, contundente e valente”, cunha acción política propia, que poña por diante os intereses dos galegos e das galegas e capaz de enfrontar os novos retos “sen complexos e sen contemporizacións”. Sinalou que “se os socialistas gañamos, o cambio é unha realidade e Galicia gañará”.
Reivindicouse como “o partido da xestión, do goberno e das solucións” fronte a un PP que leva 15 anos “sen atallar ningún problema”. Dixo que “somos o partido das accións”, que se presenta “sen complexos” e “aínda que somos distintos, non queremos ser distantes”, porque “Galicia non merece que pasemos o día atacándonos nin envolvéndonos en bandeiras”.
Besteiro presentou un proxecto deseñado para “conectar mellor cos galegos e galegas”, para que volva ser “o partido dos mozos e mozas”, e que defenda unha Galicia “autónoma, pero aberta e conectada a España, a Europa e ao mundo”. Subliñou que “somos socialistas, somos galeguistas, o partido, da igualdade, das liberdades, dos dereitos”.
Reivindicou o feminismo como eixo da natureza e do proxecto socialista, que é tamén “o partido do emprego digno, das entes do mar e dos traballadores e traballadoras do campo”. Presentouse como representante do partido “da lingua galega, da cultura galega, do autogoberno, dos concellos, da sanidade e a educación públicas, do medio ambiente e das oportunidades para todos e todas”.
O líder dos socialistas galegos chamou sinaladamente a blindar a sanidade, a educación e a Dependencia fronte a unha Xunta que encabeza a “merma e desatención dos servizos públicos” mentres se dedica a ser “tertuliano da actualidade” e atacar a Pedro Sánchez”. Anunciou que os socialistas abrirán un debate sobre a Galicia do futuro nunha Conferencia Política que se celebrará no outono.
Os socialistas galegos aprobaron unha nova Executiva paritaria na que o lugués Luis Ángel Lago Lage asumirá a Secretaría de Organización xunto coa concelleira de As Pontes Ana Pena como adxunta. Marta Álvarez Santullano, a Vicesecretaria Xeral do PSOE en Santiago, incorporouse a este novo equipo dedicada á área de Relacións Institucionais. Besteiro renovou máis da metade da Executiva, que reduciu os integrantes nun 31 por cento, pasando de 58 a 40 persoas, con 20 homes e 20 mulleres.
Pedro Sánchez
O secretario xeral do PSdeG comezou a intervención trasladándolle unha mensaxe de “comprensión, apoio e respaldo” dende Galicia ao secretario xeral e presidente do goberno pola campaña de persecución dende a dereita e a ultradereita”. Sinalou que nesta situación “rendirse non é unha solución, somentes cabe dar un paso adiante”.
Lembrou a campaña de manipulación que anticipou á perda do goberno galego en 2009, que continuou con “infamias, calumnias e anónimos” para atacar a boa parte da cúpula dos socialistas galegos, incluído el mesmo cando era secretario xeral, e que o tiveron 8 anos apartado da vida política.
O ministro de Transportes comparou a campaña “feroz” da dereita contra Sánchez coa situación dos socialistas galegos durante os últimos 15 anos e que está a provocar un “risco moi serio de que a democracia se vexa subvertida, agredida e socavada na súa esencia”. Acusou a Feijóo de estar detrás dunha estratexia para “socavar a vida persoal e familiar de Sánchez” porque “politicamente non poden con el”.
Así o dixo antes de sinalar ao Congreso dos socialistas galegos como un “punto de inflexión” para recuperar a presenza do partido, que conta con “liderado, bo equipo e proxecto”, que ofrece “motivos para estar optimista”. Sinalou a Besteiro como un “líder decente, preparado, serio, fiable, con máis altura e paciencia que ninguén”, logo da situación que viviu nos últimos 8 anos, que levará ao PSdeG “ao lugar que merece”.
Written by: Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Post comments (0)