AD

Actualidad

A depuradora de Arca, en O Pino, estará rematada antes do verán

today7 mayo, 2024

Fondo
share close
AD
  • A Xunta fixo un investimento de 2 millóns de euros para mellorar a rede de saneamento e depuración dos núcleos do Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón
  • Manuel Taboada: “A nova EDAR solucionará un grave problema que tiñamos en Arca e axudaranos a coidar o medio ambiente”
  • O Concello asumirá o mantemento da nova instalación “cun incremento considerablemente no gasto do servizo”
  • Ángeles Vázquez salienta que este proxecto se enmarca na estratexia da Xunta de mellora continua das redes de abastecemento, saneamento e depuración existentes na comunidade, para as que este ano mobiliza preto de 110 M€

O Pino. 7-5-2024.- O alcalde do Pino, Manuel Taboada, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitaron esta mañá as instalacións da nova depuradora de Arca, que estará rematada antes do verán e na que a Xunta fixo un investimento de 2 millóns de euros. A nova EDAR beneficiará aos núcleos do Pedrouzo, A Igrexa, Vilaboa, A Rúa e Santo Antón, “e solucionará un grave problema de depuración que tiñamos en Arca, polo que nos axudará a coidar o medio natural e a calidade das augas dos nosos ríos”, indicou Manuel Taboada.

“O motivo da visita é ver como avanzan unhas obras moi demandadas pola veciñanza e, sobre todo, polo alcalde, que leva moito anos reclamando, e que son fundamentais para manter esta Galicia verde da que tanto presumimos”, dixo a conselleira. A depuradora “está adaptada dás necesidades dun concello que ten moitos peregrinos ao longo de todo o ano”, engadiu.

Ángeles Vázquez, que estivo acompañada polo director de Augas de Galicia, Roi Fernández, explicou que a obra consiste na dotación dunha estación de bombeo de augas residuais (EBAR), o acondicionamento de 1.230 metros dun colector existente na marxe do rego do Burgo, unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) e a instalación de 640 metros de novas conducións para conectar coa nova depuradora.

A nova EDAR de Arca dará servizo a arredor de 1.200 veciños, pero terá capacidade para atender a unha poboación equivalente de máis de 3.000 habitantes, o que supón que estea preparada para afrontar posibles incrementos futuros da poboación na parroquia. “Con esta obra poderemos atender de xeito adecuado a grande afluencia de peregrinos que temos todos os anos, sobre todo no verán”, explicou Manuel Taboada

As novas instalacións, cofinanciadas co Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e executadas por Augas de Galicia, comezarán a dar servizo aos veciños este verán e, tralo correspondente período de proba para comprobar o seu correcto funcionamento, serán entregadas no último trimestre do ano ao Concello do Pino para a súa xestión.

O Concello deberá asumir os costes de funcionamento e mantemento das novas instalacións, “o que vai incrementar considerablemente o gastos que deberemos afrontar co orzamento municipal para manter este servizo”, sinalou o alcalde.

Mellora da rede de toda Galicia

Ángeles Vázquez salientou que esta actuación se enmarca na estratexia da Xunta de mellora continua das redes de abastecemento, saneamento e depuración existentes na comunidade co obxectivo de mellorar a calidade das augas galegas no seu conxunto.

De feito, engadiu a conselleira, este compromiso reflíctese nos orzamentos do Executivo galego para este ano, no que mobilizará un total de 85 millóns de euros en distintas actuacións de saneamento e depuración de augas –incluíndo a explotación de 27 depuradoras cuxa xestión foi cedida á Xunta polos concellos– e 23 millóns de euros na mellora dos sistemas de abastecemento municipais.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *


0%