AD

Comarca

A Deputación apoia o proxecto do Mercado municipal de Ames coa achega dun millón de euros

today24 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD

Esta mañá estiveron Casa de Barbazán, situada en Bertamiráns, onde o Concello de Ames pretende realizar a construción do Mercado municipal de abastos e que conta con financiamento provincial, da Xunta, de fondos europeos e municipal

O Mercado municipal de Ames está incluído dentro do Plan Conecta Ames e a súa licitación está prevista para o primeiro semestre de 2026

Tamén visitaron o edificio da Escola Municipal de Música, onde se investiron 245.302 euros para o cambio da cuberta do edificio e a rehabilitación dun local para uso do persoal da Agrupación de Protección Civil

Ames, 24 de novembro de 2025.- Esta mañá o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, realizou unha visita ao Concello de Ames, onde foi recibido polo alcalde, Blas García, e varios concelleiros e concelleiras do goberno municipal. En primeiro lugar, visitaron o edificio da Escola Municipal de Música, onde se investiron 245.302 euros para o cambio da cuberta e a rehabilitación dun local para uso do persoal da Agrupación de Protección Civil. De seguido, estiveron Casa de Barbazán, situada en Bertamiráns, onde o Concello de Ames pretende realizar a construción do Mercado municipal de abastos. A Deputación comprometeuse a achegar un millón de euros para a execución deste proxecto. O Mercado municipal de Ames está incluído dentro do Plan Conecta Ames e a súa licitación está prevista para o primeiro semestre de 2026.

O Concello de Ames segue dando pasos para a construción do Mercado municipal de Ames, un proxecto que comprende a rehabilitación da Casa de Barbazán, situada en Bertamiráns, e a súa ampliación para acoller os espazos necesarios para crear unha praza de abastos e un espazo cuberto, aberto e flexible para empregar como mercado para os produtores locais e dos seus produtos de proximidade. Esta actuación conta con financiamento provincial, da Xunta de Galicia, de fondos europeos e municipal.

O Mercado municipal de Ames está incluído dentro do Plan Conecta Ames, que recolle catro grandes proxectos, todos eles proxectos transformadores, cun enfoque de converxencia entre a área de intervención e o resto do municipio. Un destes proxectos é a construción dunha estratexia alimentaria integral Km0, apoiada nun novo mercado de abastos e un banco de terras de produción local que inclúe as seguintes accións: a construción do Mercado municipal de abastos, en Bertamiráns, e a rexeneración do espazo exterior; a integración co entorno verde próximo a través da rúa do Cómaro; a creación dun banco de terras de catro hectáreas recuperadas para o cultivo ecolóxico na Condomiña (na contorna fluvial do río Sar); e mailo asesoramento e formación aos produtores.

O plan Conecta Ames conta cun orzamento total de gasto de 10.912.878 euros. De dito importe o Concello de Ames vai sufragar 6.547.727 euros (60%), a través de fondos europeos FEDER da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local (EDIL), mentres que o 40% restante, que ascende a 4.365.151 euros, terá que ser achegado a través de financiamento propio, autonómico e provincial.

Apoio económico da Deputación da Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, amosou a disposición da Deputación de colaborar co Concello de Ames “para resolver unha carencia histórica deste concello para dispor dun Mercado municipal. Polo perfil de cidadán que hai en Ames e polas potencialidades que ten este concello no sector da eco-agricultura necesita un lugar onde poñer en valor esa produción. Temos un bo exemplo do que estamos facendo entre a Deputación e o Concello de Brión. O obxectivo é potenciar este eixo Ames-Brión en canto a produción ecolóxica e dispor en Ames do punto de venda máis importante desta produción ecolóxica que cada vez medra máis. Hai que poñer en valor esa vocación da Deputación de apostar pola agricultura ecolóxica, que se inicia no centro de produción de Brión e que vai a rematar no Mercado municipal de Ames, para que a veciñanza de toda a comarca poida vir a mercar esa produción ecolóxica”.

O alcalde de Ames, Blas García, agradeceu “a colaboración e apoio de Valentín e da Deputación. Sen esta axuda sería difícil que os Concellos e neste caso o Concello de Ames en concreto puidésemos desenvolver moitos dos proxecto e ideas que temos na cabeza. Este é un proxecto singular, que non só vai a beneficiar ao Concello de Ames, senón a veciñanza de toda a comarca do Val da Maía e aos concellos limítrofes. Este mercado vainos a permitir poñer a disposición da veciñanza a produción de alimentos Km0 e ademais este proxecto vainos a permitir que aqueles produtores que o desexen dispoñan do terreo necesario para poder producir ditos alimentos”.

Blas García, destacou que “traballarase de xeito conxunto co espazo colaborativo de Brión, que xa o estamos facendo, e creo que ese é o camiño para que distintas administración poidamos traballar de xeito conxunto: Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e os Concellos de Ames e Brión, para poñer en marcha este proxecto. Ademais, trátase dun proxecto sostible, xa que vai levar paneis fotovoltaicos para a produción de enerxía e un sistema de recollida de pluviais para poder empregar dita auga para poder facer a limpeza das instalacións do propio edificio”.

Localización do Mercado municipal

O futuro Mercado municipal de abastos de Ames estará situado en dúas parcelas próximas á avenida da Peregrina, en Bertamiráns. Unha delas é a parcela onde está situada a Casa de Barbazán, situada na esquina da avenida da Peregrina coa Travesía de Lodeiro, e a outra é a parcela onde está situado o aparcamento da Telleira. A superficie do ámbito total de actuación é de 4.431 metros cadrados. Neste ámbito, diferenciase o espazo destinado a aparcamento na actualidade, cunha superficie de 3.303 metros cadrados, e maila parcela onde se atopa a Casa da Barbazán e un hórreo, que conta cunha superficie de 1.128 metros cadrados.

O proxecto divídese en tres partes. Unha é a creación dunha praza de abastos que disporá de 12 postos de venda; a segunda e a dotación dun espazo cuberto específico para mercado dos produtores locais e dos seus produtos de proximidade que será realizado cunha periodicidade de un ou dous días a semana; e a terceira é ordenar o espazo exterior, no que na actualidade está situado o aparcadoiro da Telleira, poder acoller actividades de mercado ao aire libre ou outro tipo de eventos.

Mellora do edificio da Escola Municipal de Música

Por outra banda, esta mañá tamén visitaron o edificio da Escola Municipal de Música, onde se investiron 245.302 euros para o cambio da cuberta do edificio e a rehabilitación dun local para uso do persoal da Agrupación de Protección Civil. Dita actuación está incluída na segunda fase do POS+ Adicional. O cambio de cuberta xa está rematado, mentres que as obras de adecuación do local para o persoal de Protección Civil están en fase de execución.

 

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *