AD

Actualidad

A Deputación da Coruña amplía ata o 3 de decembro o programa MercaNaVila

today19 noviembre, 2025

Fondo
share close
AD
  • O éxito da iniciativa supera as previsións: as vendas xa superan os 9,6 millóns de euros e descargáronse 80.000 bonos
  • Os usuarios teñen de prazo ata o 3 de decembro para descargar e usar os bonos-desconto de 100 € para compras no comercio local
  • A ampliación do prazo de MercaNaVila permitirá ademais que os consumidores aproveiten o período das ofertas do Black Friday, conseguindo descontos adicionais nas súas compras, e anticipar as súas compras de cara ao Nadal

A Deputación da Coruña decidiu ampliar ata o 3 de decembro o prazo de vixencia do programa MercaNaVila, tras rexistrar unha resposta extraordinaria por parte da cidadanía e do comercio de proximidade das distintas comarcas da provincia. A decisión atende tamén ás peticións trasladadas por varios concellos e pola Federación Galega de Comercio, que recolle as demandas das asociacións locais.

O presidente Valentín González Formoso explicou que desde o seu lanzamento o pasado 20 de outubro, MercaNaVila superou con creces as previsións iniciais: rexistráronse preto de 80.000 bonos descargados, máis de 156.000 operacións de compra e un volume de vendas superior aos 9,6 millóns de euros. Participan na iniciativa 1.188 establecementos adheridos nas vilas e concellos de menos de 20.000 habitantes de toda a provincia.

Dotado cun orzamento de 6 millóns de euros, MercaNaVila ten como obxectivo impulsar o consumo no comercio local e apoiar ao tecido económico dos concellos máis pequenos da provincia da Coruña. Ata o momento, máis de 2 millóns de euros en descontos xa foron aplicados, xerando un impacto directo na dinamización comercial e no mantemento do emprego local.

O programa está a ter unha incidencia especialmente positiva no rural e nos municipios de menor poboación, que son os principais beneficiados. MercaNaVila contribúe a dinamizar as rúas das vilas, atraendo clientela que noutros momentos se desprazaría ás grandes cidades para realizar as súas compras e, incluso, favorecendo o efecto contrario: que persoas das urbes se acheguen ás vilas da provincia a facer as súas compras. Desta forma, a iniciativa reforza a actividade económica nos núcleos máis pequenos e axuda a manter vivo o comercio de proximidade.

A adhesión de comercios en todas as comarcas garante unha participación ampla e equilibrada, e permite xerar un efecto multiplicador nas economías locais, fortalecendo o tecido comercial da provincia. O programa reflicte así o compromiso da Deputación da Coruña coa dinamización do rural, a cohesión territorial e a competitividade do pequeno comercio, elementos fundamentais para garantir un modelo de desenvolvemento sostible e equilibrado.

A ampliación do prazo de MercaNaVila permitirá ademais aos consumidores aproveitar os período das ofertas do Black Friday, conseguindo un desconto adicional nas súas compras, e anticipar as súas compras de cara ao Nadal.

A Deputación, en colaboración coa Federación Galega de Comercio, agradece a implicación dos concellos e das asociacións de comerciantes na difusión e posta en marcha dun programa que está a chegar a todos os recunchos da provincia, incluídos aqueles con menor densidade de poboación.

MercaNaVila enmárcase nunha estratexia máis ampla da institución provincial para fortalecer o comercio de proximidade e apostar pola dinamización socioeconómica do rural da provincia.

MercaNaVila, descontos de 100 € para dinamizar o comercio local

Cada bono MercaNaVila permite descontos de ata 100 euros por persoa, aplicando un desconto directo de entre 5 e 15 euros no momento da compra. O obxectivo é facilitar o acceso a produtos e servizos de proximidade, ao tempo que se incentiva o consumo nos establecementos participantes. Perruquerías, tendas de moda, librerías, ferreterías, tendas de electrodomésticos, ópticas, xoierías… son moitos os negocios que se sumaron ao programa.

A través da plataforma web oficial (https://mercanavila.gal/), as persoas usuarias poden descargar gratuitamente os seus bonos, consultar os comercios adheridos e localizar os establecementos máis próximos por concello ou sector.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *