AD

Comarca

A Estrada consolida o sistema de vales para alimentos tras seis meses de experiencia positiva

today28 enero, 2026

Fondo
share close
AD

A Estrada, 28 de xaneiro de 2026.- O Concello da Estrada, a través do departamento de Servizos Sociais, fai un balance moi positivo dos seis primeiros meses de funcionamento do novo sistema de axuda alimentaria baseado na entrega de vales de compra, que substituíu á tradicional repartición directa de alimentos en xuño de 2025. Tras este período de proba, a iniciativa terá continuidade e está previsto incorporala ao novo Regulamento de Emerxencia Social que se pretende aprobar ao longo deste ano 2026.

Dende o mes de xullo, a concellería que dirixe Amalia Goldar implantou esta nova fórmula, que confire maior liberdade, autonomía e capacidade de administración ás persoas beneficiarias. Actualmente, unha vintena de persoas, pertencentes a sete unidades familiares, reciben esta axuda municipal.

“O resultado é moi bo. Estamos contentos destes seis meses. Pensamos que se respecta moito máis a intimidade dos usuarios, que van mercar o que precisan e cando o necesitan”, sinalou a concelleira de Servizos Sociais.

Funcionamento do sistema

Os vales son nominativos e entréganse unha vez ao mes. Os importes —de 10, 20 e 50 euros— varían en función das circunstancias de cada unidade familiar, valorando aspectos como a presenza de menores, persoas con discapacidade ou enfermidades, entre outros factores. Cada vale debe ser cambiado pola súa contía íntegra.

Os cupóns poden ser utilizados no supermercado Froiz, único establecemento local que ofreceu este sistema, grazas a un acordo co Concello. Os beneficiarios poden adquirir produtos de alimentación, hixiene ou bazar, coa única prohibición da compra de bebidas alcohólicas.

Para garantir o bo uso da axuda, a administración municipal realiza un labor de seguimento e control mediante a entrega dos resgardos das compras realizadas o mes anterior. “A día de hoxe non houbo ningún problema. A xente entrega os seus resgardos e nós podemos facer algún consello puntual, pero eles teñen a independencia de administrarse como calquera persoa”, explicou Goldar.

Un recurso temporal e revisable

A prestación ten unha duración máxima de seis meses para persoas sen ingresos. Unha vez acadado ese prazo, os Servizos Sociais realizan unha revisión da situación familiar, podendo prorrogarse a axuda se así se considera necesario. “En canto hai ingresos ou chega un traballo, esta prestación vaise suprimindo”, indicou a concelleira, destacando ademais que os propios usuarios están a renunciar voluntariamente á axuda cando comezan a percibir algún ingreso económico.

De maneira excepcional, puntual e sempre baixo criterio técnico, tamén se pode acceder a esta axuda para facer fronte a situacións de emerxencia. Nestes casos, os Servizos Sociais do Concello da Estrada dispoñen de vales ao portador de 10 euros, que se entregan no número que se estime oportuno tras o estudo individualizado de cada situación.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *