Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today13 enero, 2026
A Estrada, 13 de xaneiro de 2026.- Un ano atrás, o Concello da Estrada buscou no baile tradicional galego unha alternativa para substituír as aulas de Musicoterapia para maiores, unhas clases moi valoradas que no primeiro trimestre de 2025 precisaron facer unha parada puntual por motivos alleos á administración. O que sucedeu foi que os participantes quedaron ‘enganchados’ pola danza galega e solicitaron aos dirixentes locais que incluísen esta proposta no programa anual co que a institución municipal fomenta un envellecemento activo e busca incidir na prevención da dependencia. A súa petición vén de ser atendida. Os interesados poderán anotarse a estas clases dende mañá, 14 de xaneiro, e ata o día 20 deste mes.
Da man da agrupación de música e baile tradicional Tequexetéldere, esta actividade especificamente pensada para os maiores realizouse por primeira vez en xaneiro de 2025. Tres meses despois, cando tocaba despedirse, os maiores comezaron a desfilar polo concello para manifestar o seu desexo de continuidade, participando aos dirixentes locais o felices que estaban con estas sesións. A petición foi unánime no momento da despedida e levou ao goberno local a asegurar que estudaría dar encaixe a esta demanda.
O prazo de inscrición quedará aberto este mércores, coa previsión de que as clases de baile galego para maiores de 60 arranquen o 29 de xaneiro. Continuarán ata o 26 de marzo. O prezo da actividade será de 14 euros, debendo efectuarse o pago no momento da matrícula.
Para participar é preciso estar empadroado no Concello da Estrada e ser maior de 60 anos. Tamén é posible acceder con menos de 60 no caso de presentar unha discapacidade igual ou superior ao 33%. O criterio de selección dos participantes realizarase por rexistro de entrada das solicitudes no Concello.
Os interesados terán que presentar (ata o 20 de xaneiro) a súa solicitude no departamento de Servizos Sociais, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou ben a través da sede electrónica
(https://aestrada.sedelectronica.gal/info.0).
A convocatoria chega con tres grupos e outros tantas quendas a escoller. Establécese un máximo de 20 persoas por grupo. Todos eles terán sesión de baile galego os martes. Os horarios serán de 16.00 a 17.00, de 17.00 a 18.00 ou de 18.00 a 19.00.
A única documentación que habería que achegar acompañando a ficha de inscrición sería o certificado de discapacidade, de seren o caso.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)