AD

Comarca

A Estrada levará a ópera á rúa da man do Teatro Real de Madrid

today11 julio, 2025

Fondo
share close
AD
  • O Concello súmase ás entidades que contarán cunha retransmisión en directo de “A Traviata”, de Verdi, dende a capital madrileña.
  • Poderá seguirse, de xeito totalmente gratuíto, a través da pantalla instalada na Porta do Sol.

A Estrada, 11 de xullo de 2025.- A concelleira estradense de Cultura, Lucía Seoane, presentou esta mañá unha iniciativa que o Concello impulsa da man do Teatro Real de Madrid para sacar a ópera á rúa. Deste xeito, os cidadáns poderán gozar o vindeiro sábado, 19 de xullo, dunha das óperas máis populares da historia, “A Traviata”, de Giuseppe Verdi. Será a través dunha retransmisión en directo dende o teatro madrileño, arrancando a función ás 21.00 horas.

O Teatro Real cumpre 10 anos xa levando a ópera á rúa a través de grandes retransmisións en directo, creando un programa sen fronteiras que fai que a ópera sexa accesible para todos os cidadáns. A entidade facilitará o sinal de forma gratuíta a concellos e institucións culturais que, como o da Estrada, solicitaron participar deste programa. O Concello terá que poñer o espazo e os medios necesarios para que poida visualizarse a representación.

Seoane puxo o acento en que será “unha oportunidade única para que o público poida gozar da beleza da ópera, dende o Teatro Real de Madrid pero case sen movernos da nosa casa”, apuntou. Sinalou que “A Traviata” de Verdi é unha das óperas máis queridas polo público, “unha obra intensa, romántica e tráxica” baseada na novela “A dama das camelias”, de Alejandro Dumas.

A ópera relata a apaixoada historia de amor, no París do século XIX entre a cortesá Violetta Valèry e o nobre Alfredo Germont, unha parella cuxa felicidade se ve ameazada pola hipócrita sociedade burguesa da época. Esta emblemática peza contén unha música poderosa e emotiva que chega directa ao corazón, con momentos inesquecibles para a cultura popular como as arias “Sempre libera”, “Addio do passato” ou o fermosísimo brinde “Libiamo ne ́lieti calici”.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *