Listeners:
Top listeners:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today15 diciembre, 2025
A Estrada, 15 de decembro de 2025.- O Concello da Estrada e o Centro de Saúde asinaron esta mañá o Plan de Saúde Local 2026-2030, un documento estratéxico que dá continuidade ao traballo iniciado en anos anteriores e que define as liñas mestras para mellorar a saúde da poboación a partir da realidade social e sanitaria do municipio.
No acto de presentación participaron o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono; o xefe de Atención Primaria no centro estradense, Juan Sánchez Castro; o concelleiro de Sanidade, Óscar Rancaño; e a coordinadora de Enfermería, Maite Matalobos.
O novo plan aposta decididamente por reforzar a Atención Primaria e avanzar cara un modelo de saúde máis integrado, no que se conecten a atención sanitaria, os servizos sociais e a acción comunitaria, co obxectivo de ofrecer unha atención máis próxima, máis proactiva e mellor adaptada ás necesidades reais da cidadanía.
Neste senso, o documento parte da análise da realidade demográfica da Estrada, marcada por un acusado envellecemento da poboación. O índice de envellecemento sitúase en 300, o que implica que por cada tres persoas maiores de 65 anos hai só unha menor de 16. Ademais, preto do 7 % da poboación supera os 85 anos, o que supón arredor de 1.500 persoas. Este contexto leva aparellado un aumento das enfermidades crónicas, que condicionan actualmente boa parte da actividade asistencial.
A esta situación súmanse unha maior presión asistencial e a escaseza de médicos de familia, un problema estrutural que afecta a todo o sistema sanitario e que obriga a repensar a organización da atención.
Ante este escenario, o Plan de Saúde Local baséase nun modelo de gobernanza compartida entre o Servizo de Atención Primaria e o Concello, a través do Consello Director do Plan de Saúde Local, un órgano que permitirá mellorar a coordinación na toma de decisións e na execución das actuacións previstas.
No ámbito comunitario, o plan contempla a incorporación da Estrada á Rede Española de Cidades Amigas da Infancia e das Persoas Maiores, así como o desenvolvemento do proxecto e-GALIAT, orientado á promoción dunha alimentación saudable e sostible baseada na dieta atlántica, un modelo propio de Galicia.
No eido sanitario, recóllense medidas para mellorar a asistencia no Punto de Atención Continuada (PAC), manter a e-consulta avanzada en cardioloxía, impulsar unha e-consulta neurolóxica para a detección precoz de problemas de memoria e reforzar a atención ás persoas con enfermidades crónicas complexas, tanto en residencias como nos seus domicilios.
O plan mantén tamén a aposta por modelos de atención de proximidade e autocuidado, sempre desde a elección informada das persoas usuarias e o compromiso coa modalidade asistencial escollida.
Con este Plan de Saúde Local 2026-2030, A Estrada consolida un traballo iniciado hai anos e reafirma a súa aposta por unha Atención Primaria forte, unha mellor coordinación cos servizos sociais e unha organización máis eficiente da atención sanitaria, adaptada aos retos actuais e futuros da poboación.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)