Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
A Estrada, 19 de xaneiro de 2026.- O Concello da Estrada aposta este ano pola promoción da Ruta da Sidra na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que arrinca este mércores en Madrid. Trátase da primeira vez que a sidricultura estradense se presenta neste escaparate internacional, cun proxecto que une a tradición do cultivo da mazá e da elaboración da sidra cunha clara vocación turística.
A ruta será presentada en dous espazos clave: o mércores pola tarde no stand do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e o xoves ao mediodía no stand de Galicia. En ambas citas será o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao, quen expoña a aposta municipal por un itinerario que quedará completamente sinalizado ao longo de 2026.
“Queremos que a sidra na Estrada sexa un baluarte económico para A Estrada os 365 días do ano, permitindo coñecer os distintos momentos da mazá e conectando aos visitantes coa natureza, co noso turismo rural e co patrimonio histórico e cultural”, sinalou o rexedor.
Louzao destacou tamén que esta iniciativa responde á identidade do municipio: “Apostamos polo turismo da sidra non só porque A Estrada sexa a capital da sidra no noroeste peninsular, senón porque presumimos da nosa Feira da Sidra, do peso da mazá ecolóxica e da proliferación de lagares no noso territorio”.
Desde o sector confirmouse a presenza de varios representantes na presentación do xoves, reforzando así o respaldo á iniciativa. Ademais, nesta mesma xornada, A Estrada estará referenciada no stand de Turismo Asturias, no marco da presentación do proxecto Caminos de la Sidra, no que se integra o municipio estradense.
A Ruta da Sidra conta cun trazado duns 50 quilómetros, pensado para realizar en coche, que discorre entre pomares, lagares e elementos patrimoniais. Parte da casa consistorial da Estrada, continúa cara Aguións e cruza o río Liñares pola Ponte Nogueira, onde comezan a aparecer as primeiras plantacións. O itinerario segue por parroquias como Moreira, Ancorados, Agar, Olives, Pardemarín, Ribela ou Callobre, entre outras, salpicadas de antigas maceiras que dan conta da longa tradición sidreira destas terras.
Con máis de 280 quilómetros cadrados, A Estrada foi desde sempre unha terra propicia para o cultivo da mazá. Moitas familias lembran a elaboración caseira de sidra, e os lagares antigos que aínda se conservan confirman que esta tradición non foi importada, senón herdada. A revitalización deste legado impulsou novas plantacións, lagares e unha Feira da Sidra que celebrará este ano a súa décimo terceira edición.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)