Listeners:
Top listeners:
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today21 abril, 2025
A Estrada, 21 de abril de 2025.- O Concello da Estrada conseguiu recuperar a solvencia que viña caracterizando a súa senda económica, un camiño do que a administración municipal só se desviou cando a demora dos pagos, por parte do Goberno Central, das achegas correspondentes a proxectos financiados con fondos europeos comprometeu a estabilidade financeira e as liquidacións dos exercicios económicos 2022 e 2023. Despois dos positivos datos extraídos da liquidación do ano 2024, a Concello ten convocado para este xoves un pleno de carácter extraordinario no que se porá finalmente ao día nos pagos que estaban pendentes con provedores, por un importe de 1.478.280 euros.
A cuestión estivo sobre da mesa na comisión informativa de Facenda e Especial de Contas celebrada no noite do mércores, un encontro no que todos os grupos da corporación municipal votaron a favor dun recoñecemento extraxudicial de crédito para facer fronte ao pago de facturas con obrigas recoñecidas. O pleno extraordinario no que se dará luz verde á ordenación destes pagos celebrarase o xoves, ás 20.30 horas.
O edil de Economía e Facenda, Alberto Blanco, sinalou que este pleno permitirá empezar a regularizar os pagos que o Concello da Estrada tiña pendentes a consecuencia da difícil situación na que entrou a administración municipal despois de teren adiantado o pago de proxectos financiados con fondos europeos e a demora no seu abono por parte do Executivo Central. Explicou que estes pagos correspóndense con facturas de 2024 ou con servizos que foron prestados ao Concello no pasado exercicio pero con entrada da correspondente factura xa neste ano.
Aínda que a lista de provedores que estaban pendentes destes abonos non é curta, certo é que unha parte importante da contía correspóndese con facturas de Naturgy nas que, por diversos motivos, non houbo conformidade por parte do Concello -o que foi demorando a súa entrada- e tamén con pagos a Sogama.
Tras a aprobación en pleno, o recoñecemento extraxudicial terá que ser publicado por espazo de 15 días para a abrir o pertinente período para a presentación das alegacións que se estimen oportunas.
Escrito por Líder Redacción
2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)