Listeners:
Principales oyentes:
play_arrow
Radio Líder Santiago – 97.7Fm Santiago de Compostela
today5 febrero, 2026
O Concello da Estrada aprobou hoxe as bases reguladoras do concurso de disfraces do Entroido, que se celebrará o vindeiro luns 16 de febreiro, cunha dotación económica total de 5.860 euros, unha contía que duplica a do pasado ano, cando se repartiran 2.860 euros. O incremento busca fomentar a participación e mellorar a vistosidade das comparsas e disfraces.
Entre as principais novidades desta edición figura a incorporación de puntuacións máximas nos criterios de valoración, así como a concreción do premio especial para grupos locais, que só poderá recaer en agrupacións formadas por máis do 50 % de persoas residentes na Estrada.
O certame está aberto á participación de asociacións, barrios, parroquias, centros educativos e persoas a título individual. Non se establece límite máximo de participantes, aínda que para competir na categoría de grupos será preciso contar cun mínimo de dez persoas. O concurso pretende premiar a orixinalidade, creatividade e sentido do humor, así como a participación activa no desfile do Entroido.
As inscricións deberán formalizarse no departamento de Alcaldía do Concello, en horario de 09.00 a 14.00 horas, a través da sede electrónica ou no enderezo alcaldia@aestrada.gal, achegando o modelo de inscrición debidamente asinado. Será imprescindible recibir confirmación por correo electrónico da recepción da solicitude. O prazo límite de inscrición rematará o propio luns 16 de febreiro ás 14.00 horas. As persoas non inscritas poderán participar no desfile, pero quedarán fóra do concurso.
O xurado estará integrado pola concelleira de Cultura, Lucía Seoane, por Pedro Pérez, de Producciones Trípode; Susana García Lorenzo, modista de Artesanía de Galicia; e a artista Sali Torres.
No tocante aos criterios de valoración, outorgaranse ata 10 puntos á orixinalidade, estética, vestiario, caracterización, creatividade e traballo na elaboración de disfraces, comparsas e carrozas, así como á posta en escena, animación musical, interacción co público e sátira social. O uso de material de refugallo poderá sumar ata 4 puntos, mentres que a inspiración en fontes culturais e a conservación do Entroido tradicional achegarán ata 2 puntos cada un.
Os premios distribuiranse do seguinte xeito: na categoría individual infantil (ata 14 anos) entregarase un premio único de 90 euros; na individual adulta, 120 euros; en parellas, 150 euros; e en mascotas, 50 euros. Na categoría de grupos, os premios serán de 2.000 euros para o primeiro clasificado, 1.500 para o segundo, 1.000 para o terceiro e 500 para o cuarto. O premio especial para grupos locais estará dotado con 450 euros e non será compatible con outros galardóns.
O concurso comezará ás 16.30 horas do luns de Entroido. Os participantes deberán concentrarse entre as 15.30 e as 16.00 horas na rúa Antón Losada Diéguez, desde onde partirá o desfile, que percorrerá a Avenida de Santiago, Avenida de América, rúa Peregrina, Praza de Galicia, rúa Calvo Sotelo, rúa José e Severino Trigo e Praza da Feira.
Os premios entregaranse o mesmo día da celebración e será obrigatoria a presenza das persoas gañadoras. O pagamento efectuarase mediante transferencia bancaria, previa presentación da documentación acreditativa correspondente. Aos premios superiores a 300 euros aplicaráselles a retención do IRPF segundo a lexislación vixente.
Escrito por Líder Redacción


2024 © Propiedad de Dezasete Media SL - 97.7 Fm
Comentarios de las entradas (0)