AD

Comarca

A Estrada subvencionará o 50 % do custe das “Santas Tapas” para os mozos de 18 a 25 anos

today13 marzo, 2025

Fondo
share close
AD
  • Esta edición estreará a Santa Tapa Xove, que custará 1,5 euros para os mozos, previa retirada da correspondente cartilla nas oficinas da ACOE e só na primeira consumición en cada un dos locais participantes.
  • Para os demais asistentes, as tapas nos 24 establecementos que teñen intención de secundar a convocatoria para esta Semana Santa terán un custe de tres euros
  • Os locais distribuiranse en catro rutas, desta volta con propostas de dúas modalidades: cociña tradicional e de fusión
  • Aqueles que completen o percorrido accederán ao sorteo de 1.000 euros. Os clientes xulgarán as mellores tapas do certame

A Estrada, 13 de marzo de 2025.- Todo en marcha xa para una nova edición das xornadas gastronómicas coas que A Estrada celebra, dende hai anos, a Semana Santa. Concello e Hostaleiros da Estrada aproveitaron a reunión celebrada na tarde do mércores para pechar xa moitos dos detalles que marcarán a convocatoria das “Santas Tapas” deste 2025, que chega con varias novidades, aínda que co desexo de sempre de seguir contando coa participación de veciños e visitantes nestas sesións de degustación. Un dos cambios máis importantes vai dirixido á mocidade, xa que o Concello subvencionará a súa asistencia coa estrea da chamada Santa Tapa Xove.

O edil de Promoción Económica, Óscar Durán, explicou que as case tres horas de reunión permitiron chegar a diversos acordos. Un deles foi fixar o prezo das propostas que os hostaleiros ofertarán aos clientes durante estas xornadas en tres euros por ración. Para favorecer a participación dos máis novos, o Concello asumiu o compromiso de asumir a metade do importe da tapa para os consumidores de entre 18 e 25 anos, de xeito que para eles custe 1,5 euros.

Para sumarse á Santa Tapa Xove será preciso que os interesados acudan ás oficinas da Asociación de Comerciantes da Estrada (ACOE) para retirar unha cartilla específica, previa identificación e acreditación da súa idade a través do seu carné de identidade. Cómpre aclarar que este desconto do 50 % será de aplicación na primeira tapa que consuman en cada establecemento. Se deciden repetir, terían que asumir o custe xeral das tapas.

Por outro lado, as “Santas Tapas” incorporan este ano dúas modalidades: tapa tradicional e tapa fusión. Cada establecemento terá a liberdade de escoller por cal destas dúas categorías aposta. A organización acordou que na próxima semana os establecementos formalicen a súa adhesión á campaña, ademais de presentar o nome, características da tapa coa que acoden á campaña e información de alérxenos. Nos primeiros días da última semana de marzo realizaranse as fotografías dos pratos para configurar xa a cartelaría e os folletos cos que contarán os locais para entregar aos clientes.

Horario e premios

A previsión é que os locais se distribúan en catro rutas diferentes, cada unha delas bautizada co nome dun río da Estrada. Servirán as “Santas Tapas” dende o mércores 16 en sesión vespertina ata o domingo 20 de abril. O horario mínimo para degustalas será de 12.30 a 15.00 e de 20.00 a 22.00 horas, quedando a criterio de cada hostaleiro se amplía este tempo para a degustación.

En canto aos premios, sortearanse un premio grande de 1.000 euros entre aqueles que completen todas as rutas e, polo tanto, proben ao longo destas xornadas a proposta de cada establecemento. Tapear só nalgúns locais pode brindar algún dos premios menores que baralla a organización. A maiores, as mellores suxestións gastronómicas tamén serán premiadas, con galardóns para a mellor tapa

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *