AD

Comarca

A Estrada vive a súa Festa do Maior máis multitudinaria

today22 marzo, 2026

Fondo
share close
AD
  • Co milleiro de entradas esgotadas, o Concello rende merecida homenaxe aos veciños que acumulan máis experiencias e vivencias nesta xornada de confraternidade.
  • Francisca Torres Vázquez, da Estrada e de 96 anos, e Manuel Tallón Ríos, de Toedo e con 94, recibiron un agarimo especial como os participantes de maior idade nesta festa.

A Estrada, 22 de marzo de 2026.- A Estrada viviu este domingo unha Festa do Maior de récord. Co milleiro de entradas esgotadas días atrás, a celebración foi a máis concorrida da historia desta festa, permitindo ao Concello render unha homenaxe aos veciños que acumulan máis experiencias e vivencias neste municipio.

“Hoxe é día de recoñecer e celebrar pero, sobre todo, de compartir. Queremos festexar con todos e todas vós a vida, a experiencia e o exemplo que representades todos e cada un de vós para a sociedade estradense”, dixo o alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono. O rexedor foi o encargado de dar a benvida aos asistentes no nome de toda a corporación municipal. “A vós, ao voso traballo e ao voso esforzo, debemos que A Estrada sexa un municipio marabilloso para vivir. Para min, o mellor”, sinalou.

As portas do pavillón polideportivo no que se celebrou a Festa do Maior abriron ás 12.30 horas para que os participantes puideran irse acomodando, a tempo para asistir á primeira actuación da xornada, da man da agrupación de música e baile tradicional Tequexetéldere. Arredor das 14.00 horas o amplo equipo despregado por Valenciaga Catering comenzou a servir o almorzo, consistente en entrantes, polbo, carne ao caldeiro e sobremesa.

Foi no momento do café cando o alcalde volveu tomar a palabra para dar paso a un dos momentos emotivos desta xornada. “Antes de presentar ao home e á muller que acumulan aquí máis anos de experiencia e de vivencias, quero volver a darvos as grazas por facer que a Festa do Maior da Estrada superara este ano todas as súas marcas”, apuntou o mandatario. “Non houbo nunca unha festa que reunira tanta xente experta nestes anos. Somos hoxe un milleiro de persoas compartindo esta homenaxe aos veciños que sodes unha parte fundamental da nosa sociedade”, aplaudiu.

“Dende neno sempre me gustou conversar cos maiores. Sempre me chamou a atención o que tiñan para contarme, para ensinarme e para guiarme. Coido que detrás dos anos hai historias, sacrificios, alegrías e tamén moitas ensinanzas que nos deixades como legado”, compartiu o alcalde.

Xa sen máis, presentou aos dous homenaxeados con máis experiencia de entre os participantes: Francisca Torres Vázquez, veciña da Estrada de 96 anos, e Manuel Tallón Ríos, da parroquia de Toedo e de 94 anos. Os dous recibiron un pequeno presente conmemorativo e o aplauso de todos os asistentes.

Despois deste recoñecemento, la orquestra Os Satélites encargouse de animar a festa. Dende as 17.00 horas todos os interesados puideron sumarse á celebración para gozar da música e do baile.

Escrito por Líder Redacción

Comentarios de las entradas (0)

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *